O Goberno español negocia avais coa banca para protexer a actividade de Gamesa

A empresa ten 5.000 traballadores en sete comunidades de España, entre elas Galicia

EFE 15/11/2023 10:04

O Goberno español negocia coa banca para tratar de impulsar unha "posible liña de avais" para novos contratos de Siemens Gamesa que permita protexer a actividade da filial da alemá Siemens Energy, á que o Executivo xermano tamén está a tratar de rescatar.

Gamesa ten un persoal de 5.000 traballadores en Galicia, Euskadi, Navarra, Madrid, Castela e León, Cantabria e Valencia, e miles de empregos indirectos na industria auxiliar.

"O futuro de Siemens Gamesa en España é unha prioridade para o Goberno", explicaron fontes do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para confirmar que "se está traballando nunha posible liña de avais bancarios para novos contratos de Siemens Gamesa no exterior, coa cobertura de CESCE por conta do Estado".

Para iso, o Ministerio "está en conversas tanto coa empresa como cos bancos potencialmente interesados".

Ademais, mantén contacto cos sindicatos que representan aos traballadores do fabricante de aeroxeradores co obxectivo de protexer o emprego e as capacidades produtivas das diferentes plantas que a empresa ten en España.

Para o Goberno español, explican as citadas fontes, Siemens Gamesa é "clave" e "debe xogar un papel importante na soberanía enerxética" polo que, antes de tomar "medidas drásticas", quere sentar a todas as partes e analizar todas as posibilidades que ofrecerá a regulación de renovables da Unión Europea.

Concretamente, o Goberno está a pensar no Plan de Acción Eólico Europeo, que pode permitir poñer en marcha medidas de apoio á industria eólica a curto prazo con acceso a financiamento a través do Fondo de Innovación, así como a garantías de redución de riscos mediante o Banco Europeo de Investimentos.

As mesmas fontes insisten en que España conta con "unha cadea de valor robusta e moi competitiva, con máis de 250 centros industriais, e con profesionais altamente cualificados".

Está previsto que a matriz alemá, Siemens Energy, presente o mércores os resultados do seu exercicio 2023 despois de que o Goberno alemán lle garantise avais estatais para préstamos por valor de 7.500 millóns de euros.

A comezos de agosto, Siemens Energy revisou á baixa os seus prognósticos para todo o exercicio e prevé unhas perdas de 4.500 millóns de euros en 2023 en parte debido aos problemas coas turbinas das plataformas en terra de Gamesa.

Ademais, Siemens Energy publicará os detalles das axudas que está previsto que reciba, con avais para grandes proxectos por un valor conxunto de 15.000 millóns, segundo informou o luns o diario Handelsblatt.

O Estado alemán dá avais para préstamos por valor de 7.500 millóns, segundo anunciou este martes o Ministerio de Economía, que nun comunicado resalta a importancia de Siemens Energy para a transformación enerxética.

Ademais, lembra que, debido ao forte aumento dos pedidos e ás dificultades específicas do filial española, a empresa ten actualmente problemas para atopar as garantías necesarias nos mercados financeiros.

Os problemas coas turbinas de Gamesa xeraron no terceiro trimestre do seu exercicio económico unhas cargas de 2.200 millóns.

Precisamente este luns, fontes de Gamesa confirmaron a EFE que abandonaba o seu plan para construír unha fábrica de pas para eólica mariña no estado de Virxinia (EUA) cun investimento próximo aos 190 millóns, ao non poder cumprirse os fitos de desenvolvemento para establecer a instalación.

A noticia do abandono dese proxecto coñécese nun momento en que os comités de empresa de Siemens Gamesa están preocupados pola posibilidade de que Siemens Energy venda a súa filial española de aeroxeradores terrestres e se perdan miles de empregos en España.

A matriz de Gamesa leva varios anos con cuantiosas perdas polos problemas do sector eólico europeo en xeral, agravados polo mal funcionamento do rotor do seu aeroxerador terrestre máis grande, que levou a cancelar pedidos e a indemnizar a clientes por atrasos nas entregas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade