O Conservatorio de Ourense celebra a Semana da Música

G24.gal 21/11/2023 21:46 Última actualización 21/11/2023 22:45

Estes días celébrase a Semana da Música, unha iniciativa que xira sobre a conmemoración da súa patroa, santa Icía. Nos conservatorios profesores e alumnos preparan actividades e sobre todo afinan os instrumentos. Hai concertos, momentos musicais en cada recuncho do centro e moita ilusión, especialmente entre os alumnos máis novos.

Apenas unha hora antes da actuación o escenario é un balbordo de notas. O conservatorio de Ourense abre estes días as súas portas con concertos dos profesores e alumnos. Hoxe é a quenda dos cativos, preguntámoslles cando lles apetece tocar. "En calquera momento!", din.

Os máis deles contan, malia que sorprenda, que xa levan anos aprendendo e tamén que elixir un instrumento ten a súa razón de ser.

"Toco a gaita dende hai anos e estou encantadísima".

"En YouTube vin un vídeo duns violonchelistas moi famosos que se fan chamar Two cellos, entón probei a tocar".

"Encantoume a frauta e dixen: non hai outra igual, e elixín isto".

Din que é divertido, pero que tamén toca estudar e practicar sobre todo fóra das aulas. Contan Telma e Martina que os veciños non se queixan de escoitalas ensaiar, pero si seus pais. 

Segundo a UNESCO a música é probablemente a arte do espectáculo máis universal, presente en todas as sociedades e en todo tipo de circunstancias. Unha porta aberta a historia, a tradición e o patrimonio. Os cativos apuntan algo máis.

"É como unha lingua, unha lingua diferente as demais. Podes tocar calquera instrumento e vas ter a mesma lingua. É moi bonito", conta Ana, alumna de violín.

Un xeito de expresarse que aprenden tamén aquí, no conservatorio

"É unha forma de que eles compartan tamén a súa música, porque o final é unha formación, unha arte que tamén levas dentro e que tes que compartir cos demais, entón para nós é a maior satisfacción velos chegar ata aquí, subirse aquí e tocar aquí." Explica Purificación Iglesias, directora do conservatorio.

A partir deste mércores o conservatorio acolle tamén momentos musicais nos corredores, outra fiestra para espallar a súa música.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade