Israel acusa a Hamás de usar hospitais como tapadeira e intensifica os ataques

O bombardeo dun campamento de refuxiados en Gaza deixa 45 persoas mortas

Exipto denuncia as "dificultades loxísticas" impostas por Israel para a entrada de axuda humanitaria

G24.gal 05/11/2023 08:13 Última actualización 05/11/2023 21:16

O exército israelí acusou a Hamás de usar dous hospitais do norte como tapadeira debaixo da que tería unha infraestrutura terrorista subterránea. O voceiro militar asegurou que o hospital Al Shifa na cidade de Gaza agocha un cuartel xeral da organización.

Con este argumento xustificaría o ataque israelí a un convoi de ambulancias neste lugar que o venres deixou polo menos 15 mortos. Hamás denunciou que durante esta xornada se intensificaron os bombardeos arredor dos hospitais. 

Ás portas dos centros sanitarios refúxiase moita poboación gazatí por consideralos os sitios máis seguros aos que pode chegar. Outras familias, ante os reiterados avisos de evacuación, botaban a andar esta fin de semana cara ao sur na tregua de bombardeos anunciada por Israel.

As liñas telefónicas e Internet volven estar cortadas, co que é imposible comunicarse a distancia.

Ataque contra un campo de refuxiados

O Ministerio de Sanidade de Gaza anunciou este domingo a morte de 45 persoas nun ataque israelí contra o campamento de refuxiados de Al Magazi ocorrido de madrugada.

Nun breve comunicado, este organismo, controlado polo brazo político do grupo islamita Hamás, engadiu que 42 persoas quedaron feridas, a maioría menores e mulleres, que foron trasladadas ao hospital Shuhadá al Aqsa.

"Perdín dous dos meus fillos, só me queda un", conta este reporteiro que traballa para a axencia de noticias turca Anadolu. 

Con este bombardeo e outros que caeron sobre distintos puntos da Faixa a cifra de vítimas mortais chega a 9.770. Ademais, hai 24.000 persoas feridas.

O Exército israelí confirmou que desde o inicio da incursión terrestre, hai unha semana, atacou 2.500 obxectivos de Hamás, sen confirmar este ataque. 

Tensión na Cisxordania ocupada

Mentres, o aumento da tensión continúa tamén na Cisxordania ocupada, con máis de 150 vítimas palestinas desde que comezou a guerra e na fronteira libanesa.

Este domingo en Ramalah reuniuse o presidente da Autoridade Nacional Palestina, Mahmud Abás, co secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, que se comprometeu a traballar por un Estado palestino.

Abás reclamou un alto o fogo inmediato que permita entrar axuda humanitaria. Este sábado pasaron 30 camións polo paso de Rafah, pola contra, as evacuacións de feridos e estranxeiros que comezaran o mércores a través desta fronteira están suspendidas desde o ataque do venres a un convoi de ambulancias.  

Denuncia de Exipto

Exipto denunciou ante o Programa Mundial de Alimentos as "dificultades loxísticas" impostas por Israel para a entrada de axuda humanitaria por este punto fronteirizo.

A directora deste programa reclamou unha entrega segura e advertiu de que a comida e a auga se están acabando. Este domingo entraron 24 camións mentres outros 75 esperan aínda unha inspección israelí.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade