Inaugúrase en Chantada o primeiro matadoiro móbil de España

Establecerase para dar servizo ás explotacións máis afastadas de gando ovino, caprino e porcino

Contará cunha sede base en Chantada para xestións administrativas e almacenamento das pezas

G24.gal 28/11/2023 16:11

O conselleiro de Medio Rural, José González, presentou este martes o novo matadoiro móbil en Chantada, creado pola Xunta cun investimento de 1,7 millóns de euros para dar servizo ás explotacións máis apartadas de gando ovino, caprino e porcino. O sacrificio destes animais nas instalacións convencionais supoñen un esforzo que minguan a súa rendibilidade.

Na presentación do novo servizo estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, así como tamén polo alcalde de Chantada, Manuel Varela, e polos delegados territoriais da Xunta en Lugo e Ourense, Javier Arias e Gabriel Alén.

Este servizo contará cunha decena de traballadores e tamén se habilitará un número de teléfono específico e un acceso web, para optimizar o seu funcionamento, resolver dúbidas e facilitar a petición de citas.

O titular de Medio Rural destacou que esta iniciativa permitirá “mellorar a xestión e a rendibilidade de moitas explotacións de pequeno tamaño, localizadas en zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e situadas a distancia dos matadoiros convencionais”.

Tamén sinalou que se trata de facilitar o sacrificio de ovellas, cabras e porcos nesas zonas, “optimizando así a xestión destas explotacións, ao reducir os custos de transporte do gando e mellorando ao tempo a calidade da carne e o benestar animal”. González engadiu que as áreas implicadas tamén se dinamizarán ao dotalas de servizos que as farán máis atractivas para traballar e para vivir.

O conselleiro quixo apuntar que en Galicia, debido á "dispersión das súas explotacións, este proxecto ten especial razón de ser”, definindo as instalacións presentadas como "moito máis dignas" para arrincar este servizo.

González cualificou a iniciativa "como pioneira en España" e explicou que para a súa posta en marcha "estudáronse os antecedentes noutros países, caso de Suecia”, como tamén a demanda ante posibles explotacións interesadas.

As vantaxes da unidade móbil para os gandeiros

O titular de Medio Rural indicou que este servizo está baseado en dous eixes principais. Por unha parte, a propia unidade móbil de sacrificio de gando, construída sobre un semirremolque frigorífico, dotado da correspondente cabeza tractora.

Pola outra banda, unha instalación base con sede en Chantada, que permitirá o almacenamento das pezas en canle en cámaras frigoríficas, o mantemento e a desinfección da unidade móbil, así como tamén a xestión administrativa e de residuos.

Na mesma liña, José González remarcou que ofertará uns prezos "moi razoables" para os gandeiros por este servizo. Dende os 10 euros para as ovellas e cabras menores dun ano (contabilizando só o sacrificio e a preparación da canle) ata os 50 euros para os porcos, no caso de incluír tamén o almacenamento e transporte a piques de distribución.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade