Filipe VI abrirá o día 29 o inicio da lexistura das Cortes

A sesión solemne de apertura da nova lexislatura no Congreso e o Senado celebrarase o mércores 29 de novembro e contará coa presenza dos reis

G24.gal 21/11/2023 12:29

A sesión solemne de apertura da décimo quinta lexislatura no Congreso e o Senado celebrarase o mércores 29 de novembro e, como é habitual, contará coa presenza dos reis. Este tradicional acto, en que o Congreso se engalana para recibir a familia real e o recentemente estreado Goberno, estaba pendente de data, unha vez que a investidura de Pedro Sánchez como presidente resultou exitosa.

Fontes parlamentarias informaron que o martes 28 se celebrará unha reunión da Xunta de Portavoces do Congreso para ordenar a apertura da sesión solemne o próximo mércores. Non fai moito tempo dende que se abriron as portas dos Leóns, pois o pasado 31 de outubro tivo lugar a xura da Constitución da princesa de Asturias.

Este tradicional evento, que se remonta ao século XIX, adoita ser breve e contará cos discursos unicamente do xefe do Estado, Filipe VI, e da presidenta do Congreso, Francina Armengol. Contará tamén coa presencia de dona Leonor, nun receso da súa instrución militar, pero non coa asistencia de dona Sofía.

Despois da apertura da sesión solemne das Cortes Xerais está previsto que tanto os reis como Sánchez participen na inauguración da liña ferroviaria de alta velocidade entre León e Asturias que terá lugar este mércores pola tarde. 

Durante os nove anos de reinado de Filipe VI, en que houbo seis lexislaturas, en dúas non se celebrou a apertura solemne das Cortes, en 2016 e 2019, xa que ambas foron breves e se viron abocadas a unha repetición electoral.

A última sesión de apertura remóntase o 3 de febreiro de 2020, un mes despois de que Sánchez prometese como presidente na décimo cuarta lexislatura. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade