Os Estados Unidos piden a Israel que non reinicie os ataques en Gaza a menos que protexa a poboación civil

"É imperativo que Israel actúe en concordancia co dereito internacional e as leis sobre guerra", dixo o secretario de Estado dos EUA Antony Blinken

Antony Blinken, nunha conferencia de prensa en Tel Aviv Antony Blinken, nunha conferencia de prensa en Tel Aviv
G24.gal 30/11/2023 23:25 Última actualización 30/11/2023 23:47

O secretario de Estado dos EUA Antony Blinken pediu este xoves a Israel absterse de renovar a ofensiva militar na Franxa de Gaza a menos que estableza un plan concreto para protexer os civís palestinos.

O funcionario estadounidense indicou, nunha conferencia de prensa en Tel Aviv, que o seu país non quere que se repitan no sur do enclave palestino "as perdas masivas de vidas civís e o desprazamento (de persoas) á escala en que ocorreu no norte".

Blinken explicou que Israel debe executar un plan que inclúa "a designación precisa de áreas no centro e sur de Gaza onde os civís poden estar a salvo e fóra da liña de fogo". Tamén avogou porque Israel permita aos preto de 1,7 millóns de palestinos desprazados no sur da franxa a posibilidade de regresaren ao norte.

"Todo isto pode facerse de tal maneira que Israel siga sendo capaz de alcanzar os seus obxectivos (...) pois ten un dos Exércitos máis sofisticados do mundo. É capaz de neutralizar a ameaza que supón Hamas á vez que minimiza os danos a mulleres e nenos", sostivo Blinken.

O primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu trasladoulle ao secretario de Estado dos EUA que tan pronto remate a tregua, que comezou o 24 de novembro co obxectivo de recuperar reféns capturados por Hamas, planea continuar a guerra.

"Israel ten o dereito de facer todo o que pode para garantir que non se repita a matanza que perpetrou Hamas o 7 de outubro en territorio israelí, pero a forma en que se defende importa", recalcou Blinken.

"É imperativo que Israel actúe en concordancia co dereito internacional e as leis sobre guerra, que aplican aínda cando se combate un grupo terrorista que non respecta nada", engadiu.

Ademais, Blinken avogou por unha extensión da tregua que permita a entrada de máis axuda humanitaria á franxa, pois, asegura, foi "insuficiente" ata o de agora. O secretario de Estado, que subliñou a importancia dunha solución ao conflito palestino-israelí que inclúa a creación dun Estado palestino, chamou nunha reunión co presidente da Autoridade Nacional Palestina Mahmud Abbas a reformar a institución que goberna áreas reducidas de Cisxordania para recuperar credibilidade e popularidade.

Blinken expresou a súa preocupación pola crecente onda de violencia na Cisxordania ocupada, especialmente polos ataques de colonos xudeus contra palestinos, e pola política israelí de ampliar os asentamentos nese territorio. Entrementrees, pediu a Hamas liberar todos os reféns inmediatamente, non usar os civís como escudo, depoñer as armas e renunciar ao obxectivo de destruír a Israel.

A visita de Blinken coincide coa sétima xornada dunha tregua entre Israel e Hamas negociada por Qatar, Exipto e Os Estados Unidos a través dun acordo que inclúe a liberación de presos palestinos en cárceres israelís e a entrada de axuda humanitaria á Franxa de Gaza. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade