Deteñen dúas persoas polo homicidio a tiros dun home en Arteixo

Os arrestos, segundo relatou o Delegado do Goberno, realizáronse nas inmediacións do lugar do suceso

A investigación continúa aberta e non se descartan novas detencións

Investigadores no lugar do crime
G24.gal 30/10/2023 10:16 Última actualización 30/10/2023 13:17

Dúas persoas foron detidas como supostas autoras do homicidio a tiros dun home rexistrado este domingo en Arteixo. Segundo informou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, "os arrestos realizáronse" nas inmediacións.

Blanco explicou que "nestes momentos están abertas todas as liñas de investigación" por parte da Garda Civil, que se fixo cargo das pescudas deste suceso, e da que valorou que "a súa resposta foi inmediata", cando se tivo noticia do ocorrido.

Pouco antes, nun acto a Coruña, a subdelegada do Goberno, María Rivas, explicaba que a investigación continúa aberta e non se descartan novos arrestos, polo que demandaba "deixar traballar a Garda Civil" no caso.

Un coche, un forcexo e un disparo

O suceso produciuse pouco antes das 18:00 horas nunha rúa da vila, á altura do centro social de Froxel, onde a vítima,  Guillermo Souto, de 42 anos, acabou falecendo a pesar dos esforzos do persoal sanitario, despois de recibir un disparo.

Segundo contan os veciños, o falecido ía paseando. Un coche con varios individuos no seu interior paraba e baixaban do vehículo. A continuación mantiveron un forcexo coa vítima e acabaron disparándolle e matándoa.

Do 061, ao momento enviaron una ambulancia asistencial de Soporte Vital Avanzado, que non puido facer nada pola súa vida.

Nese momento a Garda Civil facíase cargo da investigación dun crime cuxas causas se descoñecen polo momento. Non se descarta ningunha hipótese. Algunhas testemuñas aseguran que recibiu un único tiro na cabeza. 

Este luns á mañá, con luz do día, axentes do Instituto Armado, inspeccionaban a zona do tiroteo buscando probas do crime.

O asasinado é unha persoa coñecida na vila, tiña un fillo de 6 anos, traballaba como porteiro no Grupo Pelícano, nunha discoteca nos Cantóns da Coruña, e era asiduo dun ximnasio. 

Non tiña antecedentes. Non obstante, ten un irmán que si tiña contas pendentes coa xustiza e saíu absolto do crime de Aranga acontecido en 2009, cando dous veciños de Muros foran asasinados e despezados por unha débeda por droga de 800 euros.

Fontes próximas á investigación aseguran que unha das hipóteses que se baralla é que os presuntos homicidas intentaban secuestrar a Guillermo por algún asunto pendente co seu irmán e levalo como garante, pero que el se resistiu e disparáronlle. Recibiu tres impactos de bala.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade