Caída dos nacementos en Galicia: diminúen un 25 % dende comezos de século

Son oito puntos máis de descenso que a media nacional, segundo os datos publicados este mércores polo INE

Galicia rexistrou 14.495 nacementos no 2022, 25,3 % menos ca os 19.418 que houbo no ano 2000

G24.gal 22/11/2023 12:07

A natalidade en Galicia cae un 25,3 % dende o ano 2000 ata o 2022, oito puntos máis que a media nacional. Segundo os datos publicados ese mércores polo INE, en Galicia naceron durante o ano pasado 14.495 bebés, uns datos moi inferiores aos do ano 2000, cando naceron na comunidade 19.418 nenos. Aínda así, a caída de nacementos en Galicia durante o último ano foi inferior á media de España, do 1,97 fronte ao 2,4 % de media no país.

Con todo, esta caída non foi sostida no tempo, pois dende o 2010, ano que marcou o pico de nacementos con 22.047, o descenso chega ao 34 %.

Ademais, en Galicia, a taxa de fecundidade, o número de fillos por muller, foi do 1,01 % en 2022, a terceira máis baixa de España, que de media foi do 1,16 %, e unicamente por diante das Canarias (0,86 %) e Asturias (0,97 %). 

No conxunto de España sucede algo similar. O descenso dende comezos de século foi dun 17,2 %, pasando de 397.632 bebés nados no 2000 por 329.251 en 2022. Tamén se observa un pico de natalidade no 2010, cando naceron en total 486.575 nenos, polo que a caída entre ese ano e o pasado é do 32,4 %.

Mortalidade

No referido á mortalidade os datos tampouco son positivos. Galicia ocupa a segunda posición na taxa bruta de defuncións por cada mil habitantes, cun 13 %, o mesmo que Castela León e catro puntos por riba da media nacional.

Ademais, a mortalidade en Galicia aumentou o dobre que no resto do país respecto ao ano anterior, un 6,5 % máis de mortes na comunidade por un aumento do 3 % de media en España.

Galicia conta tamén co peor crecemento vexetativo entre as comunidades autónomas. O ano pasado morreron na comunidade galega 20.501 persoas máis das que naceron, situándose por diante de Castela e León (-17.882) e de Andalucía (-15.995).

Por outra banda, a esperanza de vida en Galicia alcanzou en 2022 os 83,2 anos, a sétima máis elevada de España, cuxa media foi de 83,1 anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade