Comeza a funcionar en Lugo o primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia

As novas instalacións entran en servizo tras o investimento de 16,5 millóns

G24.gal 22/11/2023 16:21

O Centro Integral de Saúde de Lugo, o primeiro de Galicia, comeza a funcionar coa apertura do Punto de Atención Continuada que se ocupará da atención a todas as urxencias extrahospitalarias da cidade, un servizo que ata o de agora se prestaba no Centro de Saúde de Fingoi.

As novas instalacións entran en servizo tras o investimento de 16,5 millóns de euros que realizou a Xunta de Galicia para adaptar o antigo Hospital Materno Infantil da cidade a estes novos usos. 

O Punto de Atención Continuada (PAC) será o primeiro que comezará a funcionar nas novas instalacións, aínda que nos próximos días tamén se producirá o traslado efectivo da base do 061. O PAC funcionará desde as 15:00 horas ata as 08:00 horas todos os días, de luns a sábado. Prestará servizo 24 horas de forma ininterrompida os domingos e festivos.

O obxectivo dos centros integrais de saúde é concentrar nun mesmo edificio a atención primaria común, a atención urxente (PAC) e servizos especializados, para convertelos en punto de referencia para os pacientes de diferentes barrios -no caso das cidades- ou de diferentes localidades, no caso dos CIS de ámbito comarcal.

46 consultas e 22 de saúde mental

O CIS de Lugo albergará a base do 061, un centro de saúde e o PAC, cun total de 46 consultas, entre as plantas primeira e terceira. Ten tamén unha área de saúde mental, con 22 consultas, situadas na planta 0.

Dispón de espazos adaptados para consultas de saúde bucodental, fisioterapia, saúde da muller ou radiodiagnóstico. Ademais, conta co último en tecnoloxía diagnóstica, o que permitirá habilitar unha sala de radioloxía, outra dotada cun mamógrafo e unha sala de radiodiagnóstico con telemetría, para realizar radiografías completas de columna ou dos membros inferiores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar