Bolaños afirma que a Comisión Europea ve con "cero preocupación" o impacto da lei de amnistía

O ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes reuniuse este xoves en Bruxelas coa vicepresidenta do Executivo comunitario encargada do Estado de dereito e co comisario de Xustiza

G24.gal 30/11/2023 18:07 Última actualización 30/11/2023 18:59

O ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, afirmou este xoves que a Comisión Europea ve con "cero preocupación" o impacto que a lei de amnistía poida ter sobre a "saúde e a fortaleza" do Estado de dereito en España. O que a preocupa é o bloqueo do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

"A preocupación da Comisión pola falta de renovación do CXPX como consecuencia do PP é unha preocupación máxima. Porque é algo que está a afectar non xa só á normalidade institucional no órgano de goberno dos xuíces en España, senón que está a afectar aos cidadáns no dereito que teñen á tutela xudicial", indicou Bolaños en conferencia de prensa.

O ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes reuniuse este xoves en Bruxelas coa vicepresidenta do Executivo comunitario encargada do Estado de dereito, Vera Jourova, e co comisario de Xustiza, Didier Reynders.

Preocupación polo bloque do CXPX

Bolaños lembrou que o vindeiro luns cumpriranse cinco anos dende que "o PP bloquea o CXPX" e asegurou que a Comisión "coñece por completo quen é responsable de que non sexamos capaces de renovar" o órgano de goberno dos xuíces.

"Cinco anos é unha barbaridade, non cabe ningunha escusa máis para non cumprir a Constitución", subliñou.

Sobre isto, instou o PP a que "entre en razón, cumpra a Constitución, cumpra a lei, renove o consello e por tanto recuperemos a normalidade institucional no poder xudicial e os cidadáns recuperen o seu dereito para ter procedementos xudiciais nun tempo razoable e con axilidade".

"O que ultimamente está a dicir a Comisión é que hai que renovar de maneira urxente e prioritaria o órgano de goberno (dos xuíces)", insistiu Bolaños. O ministro explicou que o Executivo vai tentar"que se cumpra a lei e a Constitución por parte da oposición".

"Desde o Goberno imos facer todo o esforzo (...) para conseguir que haxa un grande acordo que permita devolver a normalidade institucional ao órgano de goberno dos xuíces", engadiu.

"Cero preocupación" na Comisión Europea pola lei de amnistía

Respecto ás conversas mantidas sobre a lei de amnistía afirmou que "hai cero preocupación da Comisión Europea sobre a saúde e a fortaleza do Estado de dereito e a separación de poderes en España". "Tamén lles digo que non hai ningunha dúbida de que este é un asunto interno", agregou.

Bolaños explicou que o proxecto da lei de amnistía "é coñecido por todos. Todo o mundo veu que é impecable, sólida desde o punto de vista legal, técnico, e impecable tamén desde o punto de vista constitucional". 

Segundo explicou Bolaños, tanto Jourova como Reynders son coñecedores de que "é absolutamente conforme coa Constitución", co sistema legal español e cos valores da Unión Europea. Tamén engadiu que a norma "non ten por beneficiarias 300 persoas que teñen causas penais, senón toda a sociedade catalá e a toda a sociedade española".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade