Bieito Lobeira, responsable de Organización do BNG, deixa a política profesional
Bieito Lobeira, responsable de Organización do BNG, deixa a política profesional
Seguirá sendo membro da Executiva e do Consello Nacional do BNG

Bieito Lobeira, natural de Seixo, unha parroquia de Marín (Pontevedra), formalizou a súa renuncia para seguir como político profesional no BNG, formación na que actualmente compartía a área de Organización con Lucía López Sobrado e da que tomou as rendas internas nas horas máis baixas, tras a asemblea das escisións de Amio (2012).
Nestes máis de dez anos, Bieito Lobeira, que foi deputado na Cámara autonómica durante 15 anos nos que se ocupou, entre outras cuestións, da defensa do sector pesqueiro e da política lingüística, ocupouse de sanear as contas da formación frontista nuns tempos nos que perdeu o seu peso institucional pola irrupción das mareas e nas que en varias ocasións o BNG pediu un esforzo extra á militancia que mantivo en pé á organización política.
Con esta decisión "persoal", Lobeira deixa así a política profesional, da que xa non terá soldo. Aos seus 55 anos, buscará agora outra ocupación laboral, sen deixar a súa vinculación co nacionalismo, xa que se manterá na Executiva e Consello Nacional do BNG e ocuparase, de feito, das relacións co resto de organizacións da órbita nacionalista, desde sindicatos, movementos sociais e estudantís ou sensibilidades políticas.
A decisión foi comunicada, segundo el mesmo asegurou, o pasado mes de setembro pero transcende agora, a poucos meses da cita electoral das autonómicas, na que o BNG poñerá a proba a súa forza política e a praza de primeira formación da esquerda que logrou en xullo de 2012, ao darlle un sorpasso ao PSdeG e lograr o seu máximo histórico en deputados, 19, coa candidatura de Ana Pontón, compañeira da formación desde os seus inicios.
Como deputado autonómico, Lobeira protagonizou vivos debates co daquela deputado popular Ignacio López-Chaves en canto á política cultural e lingüística, tanto cando gobernou o bipartito como na primeira lexislatura de Alberto Núñez Feijóo, a quen chegou a deixar un xurelo no seu escano en marzo de 2012 no marco dun debate sobre a política pesqueira común.