Pechan os colexios electorais na Arxentina e comeza o escrutinio

Os resultados oficiais dos comicios coñeceranse o vindeiro martes

A participación na segunda volta das presidenciais situouse no 76 %, a menor da democracia

Os candidatos Sergio Massa e Javier Milei votaron ao mediodía

Os candidatos Sergio Massa e Javier Milei na xornada electoral
G24.gal 19/11/2023 12:25 Última actualización 19/11/2023 22:17

Os colexios electorais pecharon ás dez da noite, hora galega. A continuación, comezou o escrutinio provisorio e o martes, o definitivo, que resolverá os posibles erros e emitirá os resultados oficiais.

A participación provisional nesta segunda volta das eleccións presidenciais arxentinas situouse no 76 %. De se confirmaren, sería a máis baixa dende o retorno á democracia tras a última ditadura militar (1976-1983), xa que rebaixaría a de 2007, cando se rexistrou un 76,20 %.

Votación dos candidatos

Os dous candidatos a presidir o país nos vindeiros catro anos votaron pasadas as doce do mediodía. O candidato peronista, Sergio Massa, mostrábase optimista sobre o futuro do país, tras depositar o seu voto.

O actual ministro de Economía subliñaba que empeza unha etapa nova que vai requirir diálogo e invitaba os electores á reflexión.

"Cara a que modelo de país imos en termos de valores, en termos de convivencia democrática", puntualizaba Massa.

O seu contrincante, o ultradereitista Javier Milei, declarábase tranquilo, e satisfeito coa súa campaña. O economista desexaba que o pobo dese nas urnas unha vitoria evidente ao gañador.

"Esperemos que os números sexan tan claros coma para que hoxe á noite teñamos un novo presidente electo", dicía.

Igualados nas enquisas

As enquisas previas situaron os dous á par en posibilidades e os analistas avanzaron que gañase quen gañase, ía ser por unha diferenza mínima. Parte da poboación acudiu ás urnas con ganas de cambio e parte, en defensa dos dereitos.

"Que o meu país, que é fermoso e marabilloso, cambie", dicía unha muller.

"Estou en contra da perda de calquera dereito adquirido", subliñaba outra.

Moitos mostrábanse pouco convencidos cos candidatos.

"Non estou como moi conforme con ningún dos dous", admitía unha votante.

"Creo que xa non votamos por quen nos gusta, senón por quen nos desgusta menos", engadía outra.

Case 36 millóns de persoas estaban convocadas nestes comicios. O sufraxio é obrigatorio para toda a cidadanía de 18 e 70 anos, e optativa para a poboación que supere esa idade, adolescentes de 16 e 17 anos e residentes no exterior.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade