A Xunta propón que a integración urbana do hospital de Santiago se faga como proxecto de interese autonómico

A proposta fixéronlla a conselleira de Infraestruturas e o de Sanidade á alcaldesa de Santiago

G24.gal 07/11/2023 17:47

A Xunta de Galicia propuxo este martes ao Concello de Santiago que a ordenación e integración urbana do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago se faga a través da tramitación como proxecto de interese autonómico, a tramitar de maneira prioritaria.

Así o trasladaron a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o titular de Sanidade, Julio García Comesaña, nun encontro de traballo coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, para abordar a colaboración entre ambas as administracións na ordenación e integración urbana do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

A Xunta volveu a levar á reunión o estudo de mobilidade na contorna do Hospital Clínico, que foi remitido xa en semanas pasadas ao Concello e que recolle un conxunto de intervencións a acometer por parte das administracións autonómica e municipal, segundo informa nun comunicado.

A proposta de acordo trasladada pola Xunta ao Concello de Santiago é similar aos asinados cos concellos de Pontevedra ou A Coruña para a renovación de infraestruturas hospitalarias destas cidades, polo que a Xunta pediu tamén a implicación do Concello de Santiago no desenvolvemento urbanístico do hospital, tendo en conta que é un asunto de ordenación de cidade.

Compromiso da Xunta 

Segundo esta proposta, a Xunta asumiría a realización dos trámites para a aprobación dun Proxecto de Interese Autonómico que desenvolve a proposta de reordenación da contorna do complexo para dotalo das necesarias prazas de aparcamento e mellorar a accesibilidade. O Executivo autonómico tamén se compromete a elaborar o proxecto técnico das obras de dotación de novas prazas de aparcamento e de humanización, así como contratar a súa execución e supervisión con cargo aos orzamentos autonómicos. Nas responsabilidades da Xunta tamén figura a habilitación de prazas de aparcadoiro provisionais na contorna do hospital mentres se estean executando as obras.

Compromisos que tería que asumir o Concello de Santiago

Mentres tanto, os compromisos do Concello de Santiago contemplarían a mellora dos servizos de transporte urbano cara ao hospital, de modo que se rebaixen as frecuencias entre 5 e 10 minutos e se reforce a cobertura. A proposta de acordo tamén contempla entre os deberes municipais a rebaixa das tarifas do aparcadoiro concesionado polo Concello, igualándoas ás que a Xunta está a implantar nos aparcadoiros de hospitais xestionados polo Goberno galego.

Resposta da alcaldesa compostelá

 A alcaldesa de Santiago sostivo que baixo o criterio municipal é competencia autonómica a procura dunha solución para o problema de aparcadoiro, segundo dixo en declaracións previas á reunión. De feito, segundo o Concello máis do 80 % das prazas do aparcadoiro do recinto hospitalario cóbrense con traballadores do propio complexo polo que é “a Xunta a que ten que garantir unha posibilidade para esas persoas”.

Finalmente, Sanmartín tamén puxo o foco en que son moitos os cidadáns de fóra de Santiago os que utilizan o CHUS mentres que os usuarios da capital galega só representan “o 22 % das persoas usuarias do hospital” mentres o resto corresponden a habitantes de case medio milleiro de municipios próximos.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar