A UE pide "pausas humanitarias" para levar axuda a Gaza
A UE pide "pausas humanitarias" para levar axuda a Gaza
Os 27 consensuaron esa fórmula en vez do cesamento do fogo que pedía España
Sánchez di que ten "dúbidas" sobre o cumprimento do dereito internacional por Israel
Os líderes da Unión Europea tardaron 6 horas en poñerse de acordo na linguaxe coa que se van dirixir aos contendentes en Oriente Próximo.
Pausas humanitarias foi o termo finalmente elixido para reclamar a Israel que permita a entrada de axuda en Gaza, unha expresión menos ambiciosa da que defendía España e que tombou Alemaña.
O presidente do Goberno recoñeceu que "desde España defendemos sempre un cesamento do fogo humanitario. A prol do consenso rebaixamos iso a unha terminoloxía que gozase de máis consenso que é a pausa humanitaria".
Pedro Sánchez cualificou de inaceptable o sufrimento da poboación gazatí, e dixo isto cando lle preguntaron se Israel estaba violando o dereito internacional: "creo que é unha dúbida lexítima que podemos facernos todos".
Ademais do debate semántico, a Unión aceptou a proposta española de impulsar unha conferencia de paz entre Israel e Palestina.
Canda estes asuntos, os 27 reiteraron que ese conflito non minguará o seu apoio inquebrantable a Ucraína, aínda que non lograron superar as discrepancias internas para desbloquear os 50.000 millóns de euros do novo paquete de axuda a Kíiv.