A UE adopta novas medidas en control pesqueiro

Rexistro dixital obrigatorio das capturas e buques que deberán contar con sistemas de seguimento

Imaxe dun pescador
G24.gal 13/11/2023 12:24

A Unión Europa pon en marcha este luns a modificación do 70 % das normas que existen en termos de pesca. Xeralmente, todos estes cambios están dedicados á obrigación de rexistrar todas as capturas dixitalmente, incluídas as de pesca recreativa, e a obriga dos buques de ir equipados cons sistemas de seguimento. Ademais de actualizacións sobre o sistema de sancións.

Segundo o ministro en funcións de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas (España sostén a presidencia rotatoria do Consello da UE ata a fin deste ano), esta modificación garante que o sistema pesqueiro estea actualizado e así "poder previr eficazmente a sobrepesca".

Sistema de seguimento de buques e rexistro electrónico de capturas 

O regulamento establece que o rexistro dos buques levarase a cabo electronicamente co obxectivo de garantir que se cumpra a "obrigación de desembarque".

Pola súa parte, en determinados casos de pesqueiros con menos de 9 metros de eslora, podería concederse a exención ao requisito de control ata o 31 de decembro de 2029. A pesca recreativa tamén está incluída neste rexistro electrónico.

Os buques de maior tamaño levarán tamén un dispositivo de medición da potencia motriz para garantir que a súa capacidade pesqueira estea dentro dos límites establecidos pola Política Pesqueira Común.

Para facilitar a adaptación a estes cambios, haberá avances dixitais en toda a cadea de subministración. Tamén se mellorará así o rastrexo de todos os produtos. No caso dos transformados, farase tras un estudo da Comisión sobre as posibles solucións nunha marxe de 5 anos.

A normativa inclúe a revisión dos sistemas de sancións

Establécese unha lista coas infraccións graves en termos da política pesqueira común. Os Estados membros deberán garantir que os responsables de malas prácticas cumpran as sancións administrativas. Ademais, poderase sancionar penalmente.

Por outro lado, introdúcense novas regras sobre a marxe de erro ao estimar as capturas. Este mantense no 10 % por especie con carácter xeral, mais será do 20 % para a pesca de pequena escala e para todas as especies que non teñan un peso en total superior a 100 quilogramos.

Cabe destacar que se aplicarán derrogacións aos barcos peláxicos, pesca industrial e atún tropical. Particularmente, se as capturas desembarcan en portos que garanten condicións especiais de desembarque e peso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade