A princesa Leonor xura a Constitución

O acatamento ante a sede da soberanía nacional da princesa de Asturias simboliza a continuidade da monarquía parlamentaria ao avalala como futura xefa do Estado

Os reis, Leonor e Sofía saúdan a centos de cidadáns que esperaban fronte ao palacio Real

A princesa Leonor xura a Constitución ante a presidenta do Congreso (EFE/Ballesteros POOL)
G24.gal 31/10/2023 08:39 Última actualización 31/10/2023 18:53

A princesa Leonor xurou este martes a Constitución ante as Cortes Xerais, que a lexitima para poder asumir as funcións de raíña de forma automática en caso de que Filipe VI faltase.

"Xuro cumprir fielmente os meus deberes, gardar e velar polo cumprimento da Constitución e das leis e respectar os dereitos dos cidadáns e das comunidades autónomas e a fidelidade ao rei", dixo a herdeira ao trono sobre o mesmo exemplar da Carta Magna coa que a acatou o seu pai, tamén cando fixo 18 anos, no acto celebrado no Congreso en 1986. 

A princesa Leonor xura a Constitución ante a presidenta do Congreso (EFE/Chema Moya)

Cos parlamentarios de pé, Leonor de Borbón leu o texto no estrado presidencial da cámara do Congreso ante os ollos dos reis e da infanta Sofía, o presidente en funcións do Goberno Pedro Sánchez, e a do Congreso, Francina Armengol, situada en fronte sendo as Cortes Xerais o destinatario do xuramento.

"Alteza, hai 37 anos Gregorio Peces Barba acompañaba o voso pai neste acto crucial. Hoxe son eu quen ten o privilexio de acompañala e no seu honor repetirei as palabras que aquel día pronunciou o presidente: 'As Cortes Xerais acaban de recibir o xuramento que a vosa alteza prestou, en cumprimento da Constitución como herdeira da Coroa. Viva a Constitución, viva España, viva o rei'", respondeu a presidenta do Congreso.

Tras a toma de posesión, os deputados e senadores participantes na sesión solemne dedicaron un aplauso moi prolongado á princesa de Asturias, que se prolongou durante case catro minutos.

Os parlamentarios de PNV, Junts, ERC, Podemos, IU, EH Bildu e BNG e os presidentes de Cataluña e Euskadi non acudiron ao acto, como xesto de rexeitamento á Coroa. Esquerra Republicana, Bildu e o BNG emitiron un comunicado conxunto en que rexeitan a monarquía.

Do acto no Congreso ausentáronse tamén os presidentes de Cataluña e o País Vasco, e a de Cantabria, que hoxe aprobaba os seus presupostos. O presidente da Xunta asistiu á sesión solemne nas Cortes, e seguiu dende a tribuna de invitados o xuramento da princesa Leonor. Despois Alfonso Rueda saudou a familia real no Salón dos Pasos Perdidos.

O presidente da Xunta saúda á princesa Leonor

O acatamento ante a sede da soberanía nacional da princesa de Asturias simboliza a continuidade da monarquía parlamentaria ao avalala como futura xefa do Estado.

No mesmo momento en que xuraba a Carta Magna, na praza da Armería do Palacio Real soou o himno nacional e lanzouse un saúdo de 19 canóns, que son as honras militares que lle corresponden á princesa de Asturias. 

O protocolo continuou entregándolle á princesa as medallas do Congreso e do Senado, asinando a familia real no Libro de Honor da Cámara, para despois saudar o máis de medio milleiro de asistentes ao acto.  E antes de marchar cara ao Palacio Real, o acto nas Cortes concluíu cun desfile militar.

Mestura de tradición e modernidade no día no que a princesa Leonor cumpre 18 anos.
Ritmo lento, cerimonioso e solemne da comitiva dende a Zarzuela ata o Congreso.

Todo o protagonismo para ela, para a herdeira da coroa, que viaxou nun coche practicamente transparente patrimonio histórico, un Rolls Royce con máis de 70 anos de historia, dos que só hai 18 en todo o mundo.

A princesa non deixou de saudar durante todo o percorrido xunto coa súa irmá, a infanta Sofía, que sempre a acompaña en todos os actos. Noutro coche viaxaban o rei Filipe VI e dona Letizia.

Milleiros de persoas a pé de rúa, con bandeiras de España na man e co teléfono para inmortalizar un día histórico e de gran significado. A familia real recibiu os vivas da xente á entrada do Congreso.

A princesa Leonor, co pelo amarrado en coleta, elixiu un traxe de chaqueta e pantalón, neutro en canto a cor e realizado polo mesmo xastre que fixo o da voda do rei. Unha imaxe moderna o que quere transmitir a coroa.

No interior do Congreso, as tribunas a rebordar, deputados, senadores, presidentes autonómicos, expresidentes, representantes das altas institucións do Estado, os pais da Constitución....

A princesa Leonor xurou a Constitución no mesmo exemplar sobre o que xurou seu pai, e fíxoo impecable, dando fe da súa exquisita educación. Así arrancou un aplauso interminable de toda a bancada dos presentes. A familia real, agradecida e emocionada. O rei, moi próximo, moi cómplice e moi comunicativo coa princesa.

Asinaron no Libro do Congreso, o rei cunha férula por mor dun golpe deportivo. Fóra, e debaixo do baldaquino instalado na porta dos leóns, o máis grande que existe no mundo e cun século de vida, Leonor observou sen perder detalle o desfile de máis de 500 militares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade