Os incendios de Hawai, con 93 mortos, xa son os máis letais dos Estados Unidos
Os equipos de rescate seguen traballando na arrasada cidade de Lahaina
Os traballos de busca con cans adestrados entre os cascallos da cidade de Lahaina, tras o devastador incendio que sufriu esta semana a illa hawaiana de Maui, deron como resultado nas últimas 24 horas o rescate doutros nove cadáveres.
Ata o momento hai confirmadas 93 mortes no incendio
"Ata o momento temos confirmadas 89 mortes... e seguirán subindo, temos que preparar a xente para iso", dicía Josh Green, gobernador do estado norteamericano de Hawai, pouco antes de confirmarse a nova cifra.
Os traballos de bombeiros e rescatadores son especialmente perigosos na zona arrasada polo lume. "Temos que ir con moito coidado, hai metais pesados, hai gases tóxicos nalgúns lugares, hai estruturas que poden caer sobre as persoas... e xa perdemos demasiadas vidas, realmente hai moito perigo, engade o gobernador hawaiano.
Farán falta máis de 5.500 millóns de dólares para reconstruír a zona
As autoridades norteamericanas abriron este sábado un centro onde os 1.500 evacuados, e calquera interesado, reciben información sobre os parentes ou amigos desaparecidos.
Agora, mentres os superviventes critican a falta de información previa e de medios para combater o incendio, as autoridades federais calculan que farán falta máis de 5.500 millóns de dólares para reconstruír no posible a zona queimada nesta illa hawaiana.