Zelenski pide considerar Rusia estado terrorista
O secretario xeral da OTAN insta en Madrid os aliados a aumentaren o gasto militar
Sánchez urxe a Putin a "deixar en paz a Ucraína"
Representantes dos parlamentos dos 29 países membros da OTAN reuníronse en Madrid nunha xuntanza de tres días que clausurou o seu secretario xeral.
Jens Stoltenberg animou os aliados a incrementaren o investimento militar mesmo por riba do obxectivo do 2 % do seu PIB para, por exemplo, impedir o precedente dunha eventual vitoria rusa en Ucraína.
"Fará o mundo máis perigoso e a nós máis vulnerables. Esa é a razón pola que non podemos deixar gañar a Putin en Ucraína. O prezo que imos pagar como aliados da OTAN mídese en diñeiro, pero os ucraínos pagan un prezo que se mide en sangue", dixo Stoltenberg.
Pedro Sánchez prometeu que España vai manter o apoio militar e humanitario ao país invadido para que poida seguir exercendo o seu dereito á autodefensa.
"Sería bo que entre todos lle lanzásemos unha mensaxe rotunda a Vladimir Putin para que deixe en paz a Ucraína, que respecte a súa integridade territorial, a súa soberanía nacional e a súa capacidade para decidir libremente sobre o seu futuro", dixo o presidente do Goberno.
Desde Kíiv, o presidente ucraíno instou a considerar como crimes de guerra os ataques rusos a infraestruturas enerxéticas e hídricas.
Volodimir Zelenski instou os aliados: "Que os vosos parlamentos recoñezan a Rusia como un estado terrorista".
Zelenski pediulles aos aliados máis armas, máis sancións contra Rusia, e volveu reclamar a entrada do seu país na OTAN e na Unión Europea.