Publicador de contidos

Publicador de contidos

Zelenski pide crear un exército europeo para que os Estados Unidos tomen en serio o continente

Zelenski pide crear un exército europeo para que os Estados Unidos tomen en serio o continente

O obxectivo, defender a Europa de Rusia e obrigar os Estados Unidos a contar coa UE á hora de tomar as súas decisións xeopolíticas

Zelenski participa este sábado na Conferencia de Seguridade de Múnic (Reuters)
G24.gal 15/02/2025 13:44 Última actualización 15/02/2025 21:23

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, pediu este sábado a creación dunhas forzas armadas europeas para defender o continente de Rusia e obrigar os Estados Unidos a contar con Europa á hora de tomar as súas decisións xeopolíticas.

"Chegou o momento de crear as forzas armadas de Europa", dixo o presidente ucraíno na Conferencia de Seguridade de Múnic, na que centrou o seu discurso en pedir aos líderes europeos que tomen as decisións necesarias para que "o futuro de Europa dependa só dos europeos".

Zelenski explicou, ademais, que o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, non mencionou nin nunha soa ocasión o papel de Europa nas negociacións entre Ucraína e Rusia que promove durante unha recente chamada telefónica, e afirmou que Europa "debe ter unha cadeira na mesa" en que se decide o seu futuro.

"Ningunha decisión sobre Ucraína sen Ucraína; ningunha decisión sobre Europa sen Europa", declarou o mandatario de Kíiv na liña do expresado na mesma Conferencia de Múnic por moitos líderes europeos preocupados pola forma en que os EUA empezou a manter contactos con Rusia e Ucraína sen pedir a opinión ou consultar á Unión Europea (UE) e os seus países membros.

O presidente ucraíno urxiu os dirixentes europeos a formar o seu propio exército unitario para que os EUA non vexa o continente simplemente "como un mercado", senón tamén "como un aliado" co que estea obrigado a contar.

Zelenski explicou, dirixíndose expresamente ao secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, presente na audiencia, que o Exército europeo que reivindica non sería un substituto da Alianza Atlántica, senón unha forma de igualar a contribución europea á dos EUA, unha esixencia que Trump leva facendo desde o seu primeiro mandato.

O xefe de Estado ucraíno apelou á unidade da UE para facer fronte a todos estes retos.

"Se non é Bruxelas será Moscova. É a vosa decisión", afirmou.

E mentres, o chanceler alemán Olaf Scholz, nunha intervención previa, asegurou que só haberá paz se se garante a soberanía de Kíiv.

Pola súa banda, o secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, pediulles aos países da Unión Europea que deixen de queixarse das posicións de Rusia e os EUA; que presenten propostas e ideas concretas, aumenten o gasto en defensa, en lugar de queixarse da súa posible ausencia da mesa de negociacións".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade