Xubileu da Xuventude: a primeira gran proba para o papa León XIV
A celebración comezou o martes cunha misa en San Pedro ante 120.000 persoas
Para a misa deste domingo agardan recibir un millón de participantes de case 150 países
O Vaticano cualificou o Xubileu como o momento máis agardado deste Ano Santo
Os influencers católicos, os misioneiros dixitais, gañaron o xubileu, cos seus móbiles atravesando a Porta Santa. E no interior da Basílica de San Pedro, León XIV irrompeu na misa.
Coma San Pedro, o actual papa encontra redes que reparar. Di que nas redes sociais a tormenta de emocións contraditorias pode levarnos a preferir non sentir nada.
"Céntrense en Cristo para vencer a lóxica do mundo das fake news, da frivolidade, coa beleza da luz e da verdade", animounos León XIV.
No encontro na praza de San Pedro, o pontífice apareceu por sorpresa. Saudou entres idiomas: italiano, español e inglés. E animou os 120.000 asistentes a dicir todos xuntos: "Queremos a paz no mundo".
Despois deses primeiros días, continúan os preparativos para o día grande do Xubileu da Xuventude. Preparativos para a alma, coma as confesións, e preparativos para o corpo, coma poñerse debaixo dos pulverizadores instalados para a ocasión.
Entre a calor, agardan un millón de almas de case 150 países para a misa deste domingo no recinto de Tor Vergata, ás aforas de Roma.
"Vós sodes sal da terra, luz do mundo", díxolles o papa aos mozos dende San Pedro
Dialogar, conectar con tanta xuventude xunta é o primeiro gran reto do pontificado de León XIV.