Publicador de contidos

Publicador de contidos

As restricións en Shanghai provocan atrasos nas reservas de espazo nos navíos

As restricións en Shanghai provocan atrasos nas reservas de espazo nos navíos

O presidente do Clúster da Función Loxística de Galicia, Xoán Martínez Reboredo, prevé un forte impacto no comercial internacional de prolongarse o confinamento nas cidades portuarias chinesas.

Advirte tamén do encarecemento dos fretes marítimos con orixe e destino á China, sobre todo á zona de Shanghai

G24.gal 27/04/2022 10:22

O presidente do Clúster da Función Loxística de Galicia, Xoán Martínez Reboredo, asegura que de momento non hai escaseza de produtos procedentes de China, pero si problemas no transporte marítimo e no tráfico de contedores.

"De momento, non escasean produtos que chegan da China. Hai diferentes xeitos de mover as mercadorías, utilizando outros portos distintos do de Shanghai e outros sistemas de transporte, especialmente por ferrocarril"

Martínez Reboredo alerta que comeza a haber atrasos nas reservas de espazo de envío nos navíos mercantes a causa da parálise do porto de Shanghai polas estritas restricións contra a covid impostas polo Goberno chinés. 

Ademais, prevé que as consecuencias no tráfico global de mercadorías sexan máis graves se a situación se prolonga moito máis tempo. 

"Sabemos o que acontecerá deseguido: a ausencia de depósitos para encher na China, posibles problemas de espazo nos propios navíos para futuros embarques... Todo iso terá consecuencias. Unha delas será o incremento dos fretes marítimos con orixe e destino á China, sobre todo á zona de Shanghai"  

Cómpre ter en conta, lembra o presidente do Clúster da Función Loxística de Galicia, que Shanghai non é a única cidade afectada polo confinamento. Na actualidade, de xeito total ou parcial hai 45 cidades con restricións, o que supón máis de 370 millóns de persoas e o 40 % do PIB chinés.

"O impacto non é só no porto de Shanghai, o primeiro porto de contedores do mundo, senón na capacidade de produción de tantas fábricas na China e nas vías de saída dos seus produtos. Estamos a falar dun impacto a nivel global moi grande. Afectará moitísimo a Costa Oeste dos EUA e alcanzará a Galicia como a calquera outra rexión do mundo vinculada a fluxos internacionais".

Para Xoán Martínez Reboredo, o sector da automoción, un dos máis afectados pola escaseza de microchips, está preparado para afrontar os novos posibles atrancos que se presenten no comercio internacional.

"O sector da automoción, como outros moitos, levan un ou dous anos con infinidade de plans de continxencia para prepararse ante estas circunstancias e a planificación é case diaria". 

Por outra parte, o presidente do Clúster asegura que o impacto da última folga do transporte foi moi elevado. Insiste en que o sector do transporte terrestre por estrada vive nunha situación moi precaria desde hai anos e "non está sendo tratado debidamente dende o punto de vista do trato aos condutores ou da optimización da carga e descarga. Temos que traballar entre todos para mellorar unha situación que é insostible".  
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade