Publicador de contidos

Publicador de contidos

Will Magnay: “Non podería ter mellor inicio que xogar ante o Real Madrid”

Will Magnay: “Non podería ter mellor inicio que xogar ante o Real Madrid”

O Obra terá unha nova camiseta ante o Real Madrid, a da temporada 1973-74 cando logrou a permanencia na segunda categoría

Foto @OBRADOIROCAB
G24.gal 01/03/2023 13:47 Última actualización 01/03/2023 16:09

O Monbus Obradoiro presentou oficialmente ante os medios a Will Magnay, co que chegou a un acordo para a súa contratación ata o final da presente tempada.

O director xeral do club José Luis Mateo declarou que “despois dunhas semanas en mercado, tomamos a decisión de fichar a Will, aínda que tivésemos que esperar á finalización da súa competición en Australia. É un xogador que estaba baixo o noso seguimento cando decidiu marcharse á NBA, polo que xa coñecía o noso interese. A súa capacidade de adaptación e asimilación de conceptos en pouco tempo determinará o seu impacto no xogo do equipo, ao que poderá achegar as súas condicións físicas e mobilidade en ataque. É un xogador novo aínda, con marxe de crecemento e mellora”.

Pola súa banda, o xogador falou das súas primeiras impresións:

“Atopeime unha cidade moi bonita, uns compañeiros moi próximos e un corpo técnico moi intelixente. Estou a tentar aprender todo o máis rápido posible. Están a axudarme moito, así que estou a gozar do proceso”.

Sobre que diferenzas atopa entre o estilo de xogo na liga australiana e a española, Will explicou que “aquí o estilo de xogo é moito máis intelixente e os xogadores teñen máis habilidades e moito máis físico. Estou moi emocionado polo reto”.

Preguntado por que decidiu aceptar a oferta obradoirista, o pivote confesou que “escoitei cousas moi boas sobre o adestrador, o club e a cidade. Scott Roth, o meu adestrador en Australia, adestrou en España hai anos. Coñece a Moncho e recomendoume vir. Tamén os meus compañeiros Josh Magette e Milton Doyle dixéronme que o Obra era un bo club e a Acb unha gran Liga. As súas palabras axudáronme a decidirme. Xogar na ACB é un reto persoal, tanto físico como mental, e apetecíame probar esta nova experiencia nunha cidade, cultura e país distintos. Estou a vivir o meu soño, que é dedicarme ao que me gusta, por iso estou moi emocionado”.

O novo obradoirista terá como primeiro reto recibir o Real Madrid nunha caldeira co cartel de ‘entradas esgotadas’ e confesou sentirse “moi emocionado. Encántame xogar partidos deste nivel ante grandes equipos. Creo que non podería ter mellor inicio que xogar ante un equipo como o Real Madrid. Teño moitas ganas de xogar este partido, e creo que o equipo e a cidade pensa o mesmo”.

O Obra terá unha nova camiseta ante o Real Madrid, a da temporada 1973-74 cando logrou a permanencia na segunda categoría.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade