Vilariño de Conso loita contra o lume que lle chega desde varias frontes
O incendio de Chandrexa de Queixa chegaba ata Vilariño de Conso e agora únese tamén o que provén da Servaínza, de Viana do Bolo
Nas últimas horas, os equipos de extinción, os medios áereos, a intervención da UME e veciños da zona tratan de controlar as lapas
As autoridades recomendan precaución, o confinamento polo fume e que non se fagan desprazamentos innecesarios
O incendio de Chandrexa de Queixa chegaba ata Vilariño de Conso. Levan xa moitos días loitando contra o lume. Agora ao incendio únese tamén o que provén da Servaínza, de Viana do Bolo.
"Está un pouco máis controlada a situación, agora o núcleo principal é A Servaínza, que é do concello e Viana do Bolo, está un pouco máis crítico o lume pero hai medios e están intentando extinguilos, que os medios aéreos poidan traballar e que poida remitir nas próximas horas", di Melisa Macía, alcaldesa de Vilariño de Conso.
Durante toda a maña, os equipos de extinción, os medios aéreos, a intervención da UME e veciños da zona tratan de controlar o lume.
"Está enriba mesmo da vila, xa arderon todos os piñeiros, aí xa non queda nada"
"Pois non sei onde vai rematar, aínda non vai terminar estes días"
"Onte dicían que estaba máis controlado pero volveuse reactivar pola noite, a ver se fan un cortalumes e o para aí, porque non sei isto en que acabará", di a veciñanza.
As autoridades seguen a recomendar precaución e que non se fagan desprazamentos innecesarios.
"Estamos seguindo as recomendacións de confinamento, pido que só se faga caso ás fontes oficiais, que non se fagan desprazamentos que sexan innecesarios", destaca a alcaldesa.
E nas últimas horas, o Grupo de Rescate en Montaña da Garda Civil evacuaba unha persoa que estaba rodeada polas lapas no incendio forestal en Cenza, no municipio de Vilariño de Conso mentres realizaba un cortalumes. Solicitouse a asistencia de medios aéreos, que fixeron varias descargas de auga na zona para salvar o maquinista.
