Vida extra para o Pontevedra logo da remonta diante do Sanse (2-1)
O equipo granate queda a catro puntos da salvación que marca o seu rival desta tarde
O Pontevedra mantense con vida na 1ª Federación despois do triunfo por 2-1 diante do Sanse. Comeza a xornada a sete puntos dunha permanencia que marcaba precisamente o equipo madrileño e todo o que non fora lograr a vitoria tería sido letal para os intereses do equipo pontevedrés.
Principiou moi ben o partido pero conforme pasaban os minutos ese ímpetu diluíuse. Tanto que aos 28 minutos e, despois dun saque de banda, Raúl Hernández marcaba para o Sanse.
Todo apuntaba a un desastre despois do troco por lesión de Brais Abelenda pero no último minuto do primeiro tempo o capitán Álex González atinaba a marcar o gol do empate.
No segundo tempo volveu a saír moi ben o Pontevedra pero pasaban os minutos e non chegaba o gol. Tardou media hora, ata que o central Euse cometeu un penalti inxenuo sobre Yelko que transformou Rufo. O equipo de Señor teno difícil pero a visita a Badaxoz vese doutro xeito moi diferente.