Venezuela revoga as concesións a seis aeroliñas, entre elas Iberia, por suspender voos
A aeroliña española paralizou enlaces despois de que os EUA advertisen da deterioración da seguridade e do aumento da actividade militar no país
O Goberno de Maduro fala de terrorismo de Estado e cumpriu o prometido: "Se en 48 horas vostedes non renovan os voos, non os renoven máis"
Fabrizio Gandolfo/Europa Press
O Goberno de Venezuela revogou este mércores as concesións a seis aeroliñas, entre elas a española Iberia, por sumarse ás accións de terrorismo de Estado promovido polo Goberno dos Estados Unidos, que emitiu alertas de seguridade ante o incremento das actividades militares no país.
As aeroliñas afectadas son Iberia, TAP Air Portugal, Turkish Airlines, Avianca, LATAM Airlines Colombia e o brasileira GOL. A entidade xustificou a medida por sumarse ás accións de terrorismo de Estado promovido polo Goberno dos Estados Unidos, e suspendeu unilateralmente as súas operacións aerocomerciais baseándose nun aviso de seguridade ao persoal de aviación.
Iberia anunciou o pasado sábado a paralización de voos despois de que a Administración Federal de Aviación dos Estados Unidos emitise unha alerta para extremar a precaución ao operar nesa área debido á deterioración da situación de seguridade e ao aumento da actividade militar en Venezuela ou os seus arredores.
Venezuela decide quen voa
Pouco antes do anuncio, o ministro de Interior de Venezuela Diosdado Cabello deu un ultimato ás empresas aéreas: "Se en 48 horas vostedes non renovan os voos, non os renoven máis. Queden vostedes cos seus avións e nós quedamos coa nosa dignidade, non hai problema".
Cabello lembrou que o Goberno venezolano reserva para si o dereito de admisión e decide quen voa e quen non.
O Goberno venezolano insiste en que non hai perigo no espazo aéreo venezolano e afirma que preto do mediodía aterrou no aeroporto Simón Bolívar de Caracas un avión estadounidense con 175 migrantes deportados sen que se producise ningunha incidencia.
Movementos no Caribe
Mentres, a Forza Aérea dos EUA revelou que avións bombardeiros B-52H realizaron demostracións de ataque esta semana no Caribe.
As autoridades enmárcanas dentro da operación militar Lanza do Sur, anunciada o pasado 14 de novembro para loitar contra o narcotráfico en Latinoamérica.
Tamén este mércores, o presidente dominicano Luis Abinader e o secretario de Guerra estadounidense Pete Hegseth anunciaron que os EUA utilizarán de maneira provisional dous aeroportos dominicanos para colaborar nesa operación.
A vicepresidenta executiva de Venezuela Delcy Rodríguez dixo este mércores que o camiño non é enviar barcos nin ameazar militarmente o seu país.