Publicador de contidos
Publicador de contidos

A mocidade e as novas tecnoloxías, retos da lingua para o secretario xeral de Política Lingüística

A mocidade e as novas tecnoloxías, retos da lingua para o secretario xeral de Política Lingüística

Valentín García di que o principal reto é conseguir que a mocidade use o galego fóra do ámbito académico

G24.gal 17/05/2022 08:51 Última actualización 17/05/2022 09:40

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, considera que a evolución da lingua galega nos últimos anos é positiva, pero mellorable. Nunha entrevista no Galicia por Diante, García apuntou que os principais retos son conseguir que a mocidade use a lingua fóra do ámbito escolar, "que a xente nova o fale fóra das aulas, no patio do colexio, cando está facendo deporte", así como incorporar o galego ós novos avances tecnolóxicos.

Como elemento positivo, García destacou que nunca houbo tal nivel de competencia lingüística como agora: "O galego é entendido agora polo 98 % dos residentes en Galicia, tanto os que naceron aquí como os que non. Os nenos de hoxe en día son os mellores preparados para escribir e falar en galego, teñen un altísimo nivel de competencias. O 86 % da poboación total manifesta que é capaz de escribir en galego. O galego nunca tivo estas cifras."

García comentou tamén o último estudo da Real Academia Galega que conclúe que os nenos e nenas que teñen o galego como lingua materna cambian de idioma nas primeiras etapas de escolarización. O secretario xeral de Política Lingüística atribúeo á "socialización" e apunta que son etapas: "Eses nenos non perden o galego, son ciclos que temos na infancia e na xuventude. Eses nenos seguen tendo o galego con eles e será na etapa adulta cando opten por falar galego ou castelán; ou falar as dúas".

Valentín García falou tamén do escritor homenaxeado este ano pola RAG, Florencio Delgado Gurriarán, destacando a contribución literaria dun autor que viviu a maior parte da súa vida no estranxeiro: "Escribiu para os exiliados, para os da Galicia territorial... Sempre quixo darlle á súa literatura unha categoría elevada".

García tivo tamén unha lembranza para o escritor Domingo Villar, hospitalizado en estado moi grave tras sufrir onte un ictus.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar