Campaña de vacinación: a da gripe para menores e recintos masivos
O día 8 reabren os grandes espazos para poñer a segunda dose de reforzo contra a covid
O conselleiro de Sanidade e a directora xeral de Saúde Pública incidiron na importancia de que a poboación maior de 60 anos poña a segunda dose de reforzo contra a covid. Explicaron que se trata dunha vacina bivalente, nova, que protexe contra as novas variantes mellor e máis tempo.
Tamén incidiron na importancia de que se vacinen contra a gripe os nenos de entre seis e cincuenta e nove meses.
O calendario da vacina contra a gripe comeza o día 10 de outubro para maiores de 85, sanitarios e nenos. O día 17 xa poden incorporase os do grupo entre 80 e 84 anos. O 31 de outubro, os de entre 70 e 79. E por último, os maiores de 60, embarazadas ou persoas máis novas con patoloxías.
Xa desde a semana pasada a vacina da gripe ofrécese en Galicia no mesmo acto ca a da covid.
A segunda dose de reforzo contra o coronavirus, indicada para maiores de 60, comezou nas residencias e continuará nos grandes recintos.
Os de 84 ata 60 van ser convocados nos vacinódromos a partir do día 8.
"Os centros masivos teñen máis facilidade para aparcar, temos persoas, voluntarios e persoal sanitario, que poden axudar as persoas con dificultades de mobilidade, e había unha forte demanda nese sentido", explicou o Conselleiro, Xulio García Comesaña.
Os que non poidan ir ao centro de vacinación masiva, serán chamados para o centro de saúde nos días seguintes.
"Nós podemos citar hoxe no punto masivo e pasado mañá á muller. E mensaxe é que non pasa nada porque vaian os dous xuntos", engadiu Comesaña. O conselleiro explicou que nos centros de vacinación masiva serán flexibles nestes casos e tamén con outros familiares e achegados.