USAID non atopa probas dun roubo masivo de axuda por parte de Hamas, como din Israel e os EUA
A análise interna contradí un dos principais argumentos usados polo Goberno de Donald Trump e Israel para dar só acceso a unha entidade privada, Gaza Humanitarian Fund (GHF), á distribución de axuda na Franxa de Gaza
Desde o 2 de marzo Israel apenas permite a entrada de subministracións a Gaza, malia que a ONU asegura ter comida suficiente para alimentar toda Gaza durante os próximos meses
A Axencia dos Estados Unidos para o desenvolvemento (USAID) non atopou probas dun roubo masivo de axuda humanitaria en Gaza por parte de Hamas, segundo informou este venres a cadea CNN.
A análise interna contradí un dos principais argumentos usados polo Goberno de Donald Trump e Israel para só dar acceso a unha entidade privada, Gaza Humanitarian Fund (GHF), á distribución de axuda na Franxa de Gaza.
O documento interno de USAID examinou 156 incidentes de desperdicio, fraude e abuso reportados por organizacións socias dos EUA entre outubro de 2023 e maio de 2025.
A revisión dos incidentes "non atopou vínculos" con grupos sancionados nin organizacións terroristas estranxeiras, sinala CNN.
A Oficina do Inspector Xeral de USAID, segundo sinalou un voceiro, "advertiu consistentemente a USAID, ás ONG e á ONU dos riscos de que a axuda humanitaria sexa desviada cara a Hamas e outras organizacións terroristas".
"As nosas investigacións relacionadas con Gaza continúan, incluíndo aquelas sobre empregados de UNRWA que participaron nos ataques terroristas do 7 de outubro", agregou o portavoz en referencia a traballadores da axencia da ONU para os refuxiados en Palestina.
Más de 2.000 organizacións de dereitos humanos, incluíndo Médicos Sen Fronteiras, denunciaron que o actual sistema de distribución de axuda humanitaria en Gaza é "mortal".
Segundo datos do Ministerio de Saúde palestino, máis de 1.000 persoas foron asasinadas polas forzas israelís cando tentaban recoller axuda humanitaria. A maioría deles, ao achegarse aos centros de GHF.
"Hoxe os palestinos en Gaza enfrontan unha elección imposible: morrer de fame ou arriscarse a que lles disparen mentres tentan desesperadamente conseguir comida para alimentar ás súas familias", indica a misiva das 200 organizacións, publicada o 1 de xullo.
Os 400 puntos de distribución de axuda que operaban durante o cesamento do fogo temporal en toda Gaza foron substituídos por só "catro sitios de distribución controlados por militares", o que obriga a dous millóns de persoas a concentrarse en zonas militarizadas e saturadas, denuncia o texto.
Nas mesmas, sublíñase que hai "disparos diarios e numerosas vítimas mentres tentan acceder a alimentos".

Un dos momentos máis críticos a nivel humanitario
A Franxa de Gaza afronta un dos momentos máis críticos a nivel humanitario debido ao longo bloqueo israelí á entrada de alimentos, auga, medicamentos e combustibles, o que disparou este tipo de mortes nas últimas semanas.
Desde o 2 de marzo, Israel apenas permite a entrada de subministracións a Gaza -alimento, auga, medicamentos e combustible -, a pesar de que a ONU asegura ter comida suficiente para alimentar toda Gaza durante os próximos meses.
Os directores de diferentes hospitais en Gaza levan días alertando de que gran parte da poboación está exhausta, e que cada vez chegan máis casos de desmaios e de pacientes con síntomas de inanición. Algunhas familias, din, tentan acalar a fame e o pranto dos seus fillos dándolles auga con sal.
Ademais, máis de mil palestinos foron asasinados preto dos complexos militarizados, un no centro e tres no sur, xestionados pola polémica GHF ou en ataques preto dos postos militares onde chegan algúns camións da ONU.