Sánchez presume de estabilidade e Feijóo dille que para seguir no poder "sería capaz de pactar ata con Netanyahu"
Sánchez presume de estabilidade e Feijóo dille que para seguir no poder "sería capaz de pactar ata con Netanyahu"
Feijóo dille que preside "o goberno máis inestable desde 1978"
Sánchez critica que o PP siga siga sen falar de xenocidio
Junts acusa a Sánchez de bloquear os acordos e pon en cuestión que poida seguir gobernando
A situación en Gaza estivo presente no cara a cara do Congreso entre Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo.
Sánchez reprochoulle o lider popular que o seu partido siga sen falar de xenocidio en Gaza e instouno a escoitar o grupo de traballo da ONU, que así o cualificou, ou a maioría de españois.
O xefe do Executivo presumiu do crecemento da economía española e de estabilidade, subliñando que preside o terceiro goberno máis lonxevo da Unión Europea.
Unha visión ben distinta á do líder do PP. Alberto Núñez Feijóo acusou a Sánchez, de ser capaz de pactar mesmo co primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu.
Núñez Feijóo, durante a sesión de control. (EFE / J. J. Guillén)
"Todo o mundo sabe que vostede pactaría ata co señor Netanyahu", reclamoulle o presidente do PP no seu cara a cara na sesión de control ao Goberno no Congreso, na que lle dixo que non vai consentir que use as mortes en Gaza contra os españois que non o votan.
O líder popular respondeulle que hai que distinguir entre o goberno e o pobo israelí.
Sánchez insistiu en que o seu executivo goberna para a maioría dos españois e dixo que a estabilidade non a dá unha maioría absoluta.
Junts pon en cuestión o futuro do goberno
A portavoz de Junts Míriam Nogueras reprochou ao presidente do Goberno Pedro Sánchez que estea a bloquear os acordos coa súa formación e pon en cuestión que poida seguir gobernando, mentres que o xefe do Executivo asegura que ten a máxima vontade de cumprir os acordos de Bruxelas e que espera que a Lei de Amnistía beneficie a todos os implicados no procés.
Sánchez recalcou que a amnistía conta co aval do Tribunal Constitucional e xa beneficiou máis de 690 persoas. Con todo, espera que se poida aplicar a todas aquelas persoas que se viron dunha ou outra maneira involucradas nos feitos do ano 2017, entre os que está o expresidente Carles Puigdemont, que continúa fuxido en Bélxica.
Míriam Nogueras botoulle en cara a Sánchez que o seu goberno paralice iniciativas de Junts (EFE / J. J. Guillén)
Nogueras botou en cara a Sánchez que o seu Goberno paralice iniciativas de Junts para rebaixar a cota aos autónomos, contra as ocupacións de vivendas e contra a multirreincidencia.
"Non vale o bla, bla, bla, señor Sánchez, o que queremos son feitos", advertiu Nogueras, que acusou o Goberno de bloquear o cumprimento do pacto de investidura e das propostas de Junts para acabar coa degración do país.