Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha gravación implica a Cerdán no suposto cobro de comisións: oposición e socios do Goberno esixen explicacións

Unha gravación implica a Cerdán no suposto cobro de comisións: oposición e socios do Goberno esixen explicacións

Na conversa gravada, transcrita nun informe remitido pola UCO ao Supremo, escóitase falar a Cerdán, Ábalos e Koldo de que ata catro construtoras lles deben diñeiro

O PSOE nega as acusacións e di que se pronunciará cando coñeza o informe da UCO

PP urxe a Sánchez e Cerdán a explicaren o suposto cobro de comisións: "explicacións, dimisións e eleccións"

Sumar esixe ao PSOE que aclare ipso facto as noticias sobre Cerdán, pola súa gravidade; outros socios do Goberno piden tamén aclaracións

Cerdán asegura que non participou en ningunha adxudicación ilegal e que non ten medo

G24.gal 12/06/2025 08:14 Última actualización 12/06/2025 09:11

Unha conversa intervida pola UCO ao exasesor Koldo García, na que participan o exministro José Luis Ábalos e o secretario de organización do PSOE Santos Cerdán, revela que os tres falaron sobre a débeda que varias empresas adxudicatarias de obra pública contraeran supostamente con eles. Segundo informan a Cadena SER, eldiario.es e El Mundo, na conversa gravada, que figura transcrita nun informe remitido o pasado 5 de xuño pola UCO ao Tribunal Supremo, escóitase falar a Santos Cerdán, a Ábalos e a Koldo de que ata catro construtoras lles deben diñeiro.

Esa débeda sería superior aos 400.000 euros, segundo os investigadores, e supostamente son o pagamento a cambio do amaño de adxudicacións públicas de estradas, sinala a SER. Precisamente onte, axentes da UCO rexistraron a vivenda de Ábalos en Valencia e catro empresas, dúas delas situadas en Navarra, outra en Granada e unha última en Valencia.

O PSOE asegura que Santos Cerdán xamais cobrou comisións

Tras coñecer esta noticia, no PSOE negaron que Santos Cerdán participase e moito menos influíse en adxudicacións de obra pública e aseguraron que xamais cobrou unha comisión por iso. "Cando se coñeza a totalidade do informe, Santos Cerdán dará todas as explicacións necesarias para que dunha vez por todas o seu nome e honorabilidade deixen de verse mesturados a diario con casos que nada teñen que ver coa súa persoa", sinala o partido nun comunicado.

Así o dicía tamén este xoves no congreso o portavoz Patxi López.

Os socialistas lamentan que unha vez máis se coñezan actuacións policiais por medios de comunicación, o cal xera indefensión e xuízos mediáticos aos afectados.

Sumar esixe explicacións ipso facto

Sumar esixiu este xoves aos seus socios do PSOE no Goberno de coalición que dean explicacións ipso facto ante a gravidade das informacións.

A vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, reclamou ao PSOE que dea "todo tipo de explicacións canto antes" ante a "gravidade" das informacións.

A portavoz parlamentaria de Sumar, Verónica Martínez Barbero, asegurou que apoian con lealdade ao PSOE cando nega estas informacións, pero recalcou que, de confirmárense, supoñen unha situación moi grave.

 

O PNV, Coalición Canaria e Compromís, todos socios de investidura do Goberno, pediron tamén este xoves explicacións e transparencia ao PSOE sobre o informe da UCO e as implicacións do secretario de organización do PSOE, Santos Cerdán. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade