Unha familia de Cambados queda sen teito tras o incendio que estragou a súa vivenda
O matrimonio e as dúas fillas tiveron que mudarse á casa dun familiar
A vivenda de Xosé María e a súa familia no lugar de Cacabelos, en Cambados quedou inhabitable a causa do incendio que sufriu onte. A muller e unha das fillas durmían cando un veciño alertou onte pola maña de que as lapas devoraban o tellado.
Xosé María Cuñarro, o propietario, relata que cando o avisaron e chegou á casa, non puido facer nada polas dimensións do incendio. Foi precisa a intervención dos bombeiros de Ribadumia para sufocar as lapas.
Sospeitan que a orixe do lume puido estar na cheminea da cociña de leña e prender nos aveños que amoreaban no faiado. A vivenda quedou inhabitable, polo que o matrimonio e as dúas fillas tiveron que mudarse á casa dun familiar. Xosé María agradece a axuda que lle están prestando os veciños para retirar os cascallos e cubrir o tellado para evitar que a chuvia acabe estragando por completo a vivenda.
O futuro preséntase agora incerto para a familia. Carecían de seguro e non teñen recursos para afrontar a reconstrución da casa. Calcula que só refacer o tellado pode custar uns 20.000 euros.