Arde en Allariz unha casa restaurada
Os propietarios xa saíran traballar, pero si estaban dentro os dous cans da familia, que puideron ser rescatados sen danos
Sospeitan que o lume comezou na cheminea
Arde unha casa en Celeiros, no concello de Allariz. É un inmoble antigo restaurado. No momento en que comezaron as lapas non había ninguén dentro, si estaban os dous cans da familia, que conseguiron rescatalos sen danos. Sospeitan que o incendio comezou na cheminea.
Pasadas as oito da mañá, as grandes lapas que saían dunha casa de Celeiros alertaron os veciños, que foron os que chamaron os servizos de emerxencia. Nun principio pensaron que podía haber alguén dentro, pero a familia propietaria da casa saíra había pouco traballar.
Si estaban os dous cans que puideron ser rescatados sen danos. Axiña chegaron Protección Civil de Allariz e os bombeiros da Limia para atallar o lume.
O incendio espallouse con voracidade pola combustión da madeira; sospeitan que puido iniciarse na cheminea. Restauraran esta casa tradicional hai doce anos, que consta de varios inmobles.
O lume quedou controlado, pero os bombeiros aínda tiveron que seguir traballando arreo para refrescar, remover cascallos e apagar brasas para evitar que haxa reproducións.