Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un edificio de oito andares en Vigo leva un ano sen ascensor

Un edificio de oito andares en Vigo leva un ano sen ascensor

A comunidade acordou reparar o ascensor, pero a negativa dunha propietaria a pagar a súa parte fai que estea inutilizado

G24.gal 22/04/2024 13:33

Leva un ano e dez días inoperativo. O único ascensor deste edificio de oito andares da rúa Urzáiz de Vigo someteuse a obras de mellora e agora que está arranxado segue precintado.

"Din que pode ser que unha propietaria non pague pois a súa parte proporcional do arranxo do ascensor e a nós danos igual se é propietario, propietaria... Sabemos que levamos un ano sen o servizo do ascensor pagando sempre o noso alugueiro".

Lara está farta, igual que as outras quince familias. Os trastornos que causa a falta de ascensor son importantes. Falamos con Ángel Gómez e Carmen Jiménez, ambos levan vivindo aquí 46 e 45 anos respectivamente.

"Estou operada de corazón, teño que subir con dúas bolsas, ás veces cunha, pero teño que subir, baixar, ir á tenda".

"Eu teño que subir dúas bombonas ao mes que pesan 25 quilos sete plantas".

Todos son inquilinos e inquilinas, pero o contacto é case nulo cos propietarios. Atópanse en terra de ninguén, xa que dende a administradora non reciben apenas información e tampouco axuda.

Lara e Carmen explican cal é a situación.

"Xa chamamos, pero éntralles por unha orella e sáelles por outra, nin caso".

"A administración que leva esta comunidade ten trato directo coa presidenta. Non fan nada, chámalos e non fan caso".

Cren que a única solución agora mesmo é a actuación da xustiza neste asunto.

"Eu penso que o problema é que tiña que actuar a xustiza, a Fiscalía de oficio, pola superioridade da presidenta da comunidade de propietarios. Para min que non quere pagar e non o fai porque quere que os veciños marchen das vivendas".

O ascensor é o principal problema para esta comunidade de veciños e veciñas, que tampouco conta cun garaxe en condicións nin con extintores nas zonas comúns deste inmoble.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar