Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres mortos e varios feridos no tiroteo nun centro comercial de Copenhague

Tres mortos e varios feridos no tiroteo nun centro comercial de Copenhague

A policía danesa informa de que tres dos feridos se atopan en estado crítico

Os axentes detiveron un mozo danés de 22 anos en relación cos feitos

G24.gal 03/07/2022 21:19 Última actualización 04/07/2022 09:49

A policía danesa confirma que faleceron tres persoas no tiroteo rexistrado este domingo no centro comercial Fields de Copenhague. Eran un home duns 40 anos e dous mozos. Ademais, no suceso quedaron feridas varias persoas, tres delas en estado crítico.

Nunha conferencia de prensa, o inspector xefe de policía da capital danesa Søren Thomassen sinalou que detiveron en relación co tiroteo un cidadán danés de 22 anos, que será interrogado hoxe mesmo. 

Agregou que non hai indicios da participación de varias persoas no tiroteo pero seguirán buscando, xunto cos servizos de intelixencia, máis autores mentres non poida confirmarse que só houbo un responsable.

O presunto autor dos disparos tiña un rifle e munición cando foi detido, segundo informa a policía, que non pode confirmar aínda os motivos polos que o detido disparou contra a xente no centro comercial.

A policía non ve indicios de terrorismo

A policía danesa informou este luns de que non ve indicios de terrorismo e mantén a acusación de homicidio contra o sospeitoso detido onte en relación co tiroteo nun centro comercial en Copenhague que deixou tres mortos e catro feridos graves.

Os tres mortos son unha muller e un home de 17 anos, ambos daneses, e un cidadán ruso de 47 anos residente en Dinamarca, e a policía cre que foron vítimas ao azar.

Os catro feridos graves son dúas mulleres danesas, de 19 e 40 anos, e unha moza de 16 anos e un home de 50, ambos suecos.

A policía chamou os cidadáns a poñérense en contacto coas forzas de seguridade se viron algo ou se teñen imaxes, pero pediu que non as compartan nas redes sociais por respecto aos familiares das vítimas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade