Unha disputa veciñal por pombas, orixe do tiroteo con catro mortos en Setúbal
Un home matou tres veciños cunha escopeta na cidade portuguesa e logo suicidouse
As vítimas son homes de entre 30 e 60 anos

Catro persoas morreron este domingo nun tiroteo na localidade lusa de Setúbal, a uns 50 quilómetros de Lisboa, entre elas o agresor, que se suicidou ao chegar a Policía,
Fontes policiais confirmáronlle a EFE que se rexistrou un tiroteo en Setúbal pero non avanzaron máis detalles. A arma do crime, unha escopeta, foi localizada a carón dos corpos e aprehendida pola Policía.
A canle CNN Portugal divulgou que a Policía de Seguridade Pública lusa, a PSP, recibiu un aviso este domingo ás 9 da mañá, hora galega, sobre un tiroteo no barrio Azul, xunto á avenida De Manuel na zona de Bela Vista, na cidade portuguesa de Setúbal. Cando os axentes chegaron ao lugar, xa morreran tres persoas, e unha cuarta, que sería o agresor, suicidouse cando os viu aparecer. As vítimas, de sexo masculino, teñen entre os 30 e os 60 anos.
A Policía investiga tres homicidios e un suicidio. Todo indica que o desacordo entre os veciños foi a causa. Os catro homes serían integrantes dunha sociedade colombófila, con pombas correo e as discrepancias por causa delas fixo que o agresor matara os outros tres.
O home que disparou tiña uns 60 anos e, ao parecer, na actualidade estaba no paro tras perder o seu emprego como vixilante de seguridade nunha escola. Vivía nunha chabola por detrás da zona do tiroteo.