Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un tapón de plástico e restos de redes causáronlle a morte á quenlla peregrina que varou en Oleiros

Un tapón de plástico e restos de redes causáronlle a morte á quenlla peregrina que varou en Oleiros

O lixo que inxeriu o animal causoulle unha oclusión e alteracións metabólicas letais

O momo ou quenlla peregrina medía catro metros e era un exemplar xuvenil como os que se avistan de cando en vez nas costas galegas

G24.gal 30/06/2022 13:53

O que por descoñecemento puidese parecer un resto insignificante, de apenas uns gramos de peso, foi o que acabou coa vida dunha femia de tiburón peregrino de máis de catro metros de lonxitude que varou o sábado nunha praia de Oleiros e acabou morrendo.

Os científicos da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) explican que "no sistema dixestivo tiña un tapón; o seu intestino non é un tubo como o noso, senón que está formado por láminas e entre elas hai moi pouquiño espazo, así que o tapón obstruíu esas láminas e o seu sistema dixestivo intentaba eliminalo a través dos ácidos, a través da bile, e non podía". Esa situación, engade o biólogo Alfredo López, "provocoulle unhas alteracións metabólicas tremendas".

Ademais diso, o animal sufriu unha oclusión a causa dos restos de redes de pesca que inxeriu. "Unha pelota formada por moitos fíos de plástico enguedellados con algas, e iso vai formando unha bola que medra e lle obstrúe o estómago".

Uns danos irreparables que acabaron por causar a morte desta quenlla. O certo é que a contaminación por plásticos é cada vez máis preocupante para o medio mariño e a súa biodiversidade. De feito, explica López, "no 70 % dos cachalotes e outros grandes mergulladores aparecen restos plásticos que recollen a 3.000 metros de profundidade".

Ademais, outros animais, "sobre todo as tartarugas, cando as temos en recuperación, durante unha semana están defecando plásticos que confunden co seu alimento porque elas aliméntanse de seres vivos transparentes, como salpas, augamares... e un plástico transparente no mar móvese igual que un ser vivo, por así dicilo".

O momo, como é coñecido tamén o tiburón peregrino, era un exemplar xuvenil como os que de cando en vez se avistan na costa galega, totalmente inofensivos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade