Un mozo de 24 anos acepta pagar 1.050 euros por ter máis de 900 fotos e vídeos de pornografía infantil en Ourense
Un mozo de 24 anos acepta pagar 1.050 euros por ter máis de 900 fotos e vídeos de pornografía infantil en Ourense
Os 21 arquivos con 108.164 imaxes e 1017 vídeos, dos cales 688 imaxes e 223 vídeos recollían escenas "en que participan menores de idade ou menores con adulto en inequívocos actos de carácter sexual", que o acusado posuía "para o seu consumo"
A pena de inhabilitación para calquera oficio ou actividade que implique contacto directo con menores durante dous anos e seis meses
Un mozo de 24 anos aceptou o pago dunha multa de sete meses a razón de 5 euros diarios, un total de 1.050 euros de multa, por ter máis de 900 fotos e vídeos con contido pornográfico infantil "para o seu consumo" en Ourense.
As partes alcanzaron conformidade na audiencia preliminar celebrada este xoves na Praza número 1 da Sección do Penal do Tribunal de Instancia de Ourense, impoñéndoselle ademais a pena de inhabilitación para calquera oficio ou actividade que conleve contacto directo con menores durante dous anos e seis meses.
Así mesmo, o acordo recolle o comiso definitivo do seu teléfono móbil, que contiña os arquivos, e o aboamento das custas procesuais.
Segundo se recolle no escrito fiscal, o 20 de maio de 2024 o Grupo 3º de Protección ao Menor da Unidade Central de Ciberdelincuencia da Policía Nacional tivo coñecemento de que o acusado almacenou en Google Drive 21 arquivos con material de contido pornográfico infantil.
Así, por autorización dun auto do 14 de outubro de 2024 ditado pola Praza número 3 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Ourense, os axentes rexistraron o domicilio do condenado, ocupándose, entre outros efectos, dun terminal móbil que se atopaba na mesa de noite do seu dormitorio, e no que se atoparon os 21 arquivos con 108.164 imaxes e 1017 vídeos, dos cales 688 imaxes e 223 vídeos recollían escenas "en que participan menores de idade ou menores con adulto en inequívocos actos de carácter sexual", que o acusado posuía "para o seu consumo".