Un mel galego, medalla de ouro á calidade nos Paris International Awards Honey 2025
Puramel Sacra, do Saviñao, é o único produto avalado cos selos IXP Mel de Galicia, Artesanía Alimentaria e Galicia Calidade
Mantén un fío continuo ao verterse, o que é indicativo de autenticidade. Trátase do mel producido por un apicultor no Saviñao, distinguido coa medalla de ouro á calidade nos premios internacionais de París, que figuran entre os máis prestixiosos do mundo. Por se fose pouco, é o único mel avalado con tres dos principais selos de calidade do noso país.
Toni Fernández, apicultor: "Cada un deles ten o seu cometido. Estamos na IXP Mel de Galicia, en Artesanía Alimentaria e en Galicia Calidade. E estar nos tres selos dá unha garantía".
Son selos que certifican que se trata de auténtico mel galego e que ademais é un produto artesán de calidade. É dicir, o contrario do que viña ocorrendo cos meles importados, que agora están obrigados a indicar no etiquetado a porcentaxe de cada país de procedencia.
Toni Fernández, apicultor: "Nas grandes áreas comerciais a maior parte dos meles estaban adulterados, o que supoñía enganar o consumidor, a quen animamos a saber o que hai".
Un produto, o mel, que está recomendado para todo o mundo, salvo en caso de diabetes, debido ás súas propiedades inmunolóxicas.
Ricardo Estévez, nutricionista: "É bo sobre todo polos micronutrientes que ten. É bastante rico en minerais, en antioxidantes e en moléculas que poden resultar tanto antimicrobianas como antiinflamatorias. Ten restos de pole, ao vir menos filtrado".
Iso si, cómpre que o produto consumido sexa auténtico e non unha mestura con xarope, algo que garanten selos coma o do CRAEGA ou a da IXP Mel de Galicia.