Un imparable Fabril deixa moi tocado o Compostela (0-3)
Cuarta vitoria consecutiva do equipo fabrilista como visitante sen encaixar ningún gol
O Compostela non reacciona e queda afundido en descenso logo de seis xornadas sen gañar
O Fabril pasou como un ciclón polo Vero Boquete. Gañou por 0-3 e consolida o seu posto de play off de ascenso con catro puntos sobre o sexto clasificado, o Bergantiños. Os goles de Guerrero (min 32), Manu Ferreiro desde o medio do campo (min 47) e Jaime Garrido (min 83) certificaron unha clara superioridade do equipo de Manuel Pablo, que apenas sufriu en defensa.
O Compostela cedeulle a iniciativa ao Fabril e buscou o contragolpe. O plan saiulle ben ata que Guerrero marcou o primeiro gol. Despois non tivo capacidade de reacción. Non xerou oportunidades diante de Hugo Ríos e queda afundido nos postos de descenso logo de encadear seis xornadas sen gañar.