Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un home sobe á catenaria e obriga a parar os trens entre Vigo e Santiago

Un home sobe á catenaria e obriga a parar os trens entre Vigo e Santiago

O tráfico non se recuperou ata a unha da madrugada, cando lograron convencer o home de que baixara e o levaron en ambulancia

Arquivo Arquivo
G24.gal 08/05/2026 10:42 Última actualización 08/05/2026 11:21

Os que viaxaban esta noite entre Vigo e Santiago quedaron sen tren, desta vez non por unha avaría, senón porque había unha persoa subida á catenaria en Vilagarcía.

Un home de entre 20 e 40 anos que ameazaba con tirarse e que daba signos de sufrir unha crise. Un tren que viña de Vigo tivo que parar ao chegar a esta estación sobre as dez. 

Segundo confirmou o 112 Galicia, axentes da Policía Nacional e psicólogos do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) lograron que a persoa abandonase o lugar para recibir asistencia sanitaria.

Así, por razóns de seguridade, o persoal de Adif procedeu ao corte inmediato de subministración de enerxía, polo que se tivo que interromper o tráfico ferroviario.

En todos os trens había pasaxeiros que, segundo detallou a central de emerxencias, nalgúns casos permaneceron no interior dos convois e, noutros, facilitaron a súa saída á estación próxima mentres se resolvía a situación.

Ningunha persoa necesitou asistencia médica dentro dos vagóns, excepto un menor con síntomas de fatiga para o que a súa familia solicitou asistencia a través dunha chamada ao 112 Galicia ás 02:30 horas. Posteriormente, foi atendido por un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Á súa vez, os axentes da Policía Nacional adoptaron as medidas necesarias para unha evacuación segura da persoa que se atopaba na zona non autorizada e, finalmente, a través dunha acción coordinada cos psicólogos do GIPCE e os axentes lograron que a persoa abandonase o lugar e recibise asistencia. Deste xeito, comezou a realizar o transbordo dos pasaxeiros afectados, que se completou sobre as 3:00 horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade