Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un home provoca estragos nun restaurante de Monforte e agride os empregados

Un home provoca estragos nun restaurante de Monforte e agride os empregados

Foi cando o local pechaba e reaccionou con violencia porque non o serviron

Félix Aragunde 17/10/2022 13:54

Un home provocou cuantiosos estragos nun restaurante da céntrica rúa Cardenal, en Monforte, por non servirlle cando xa estaba pechando o local.

Segundo denuncia o dono do negocio, o suxeito reaccionou de forma violenta e lanzoulles aos empregados pratos, vasos, botellas e mesmo asentos da barra. Como resultado, un traballador resultou ferido.

Julio Méndez, hostaleiro: "Para a miña sorpresa, estaba todo roto, como a lavalouza ou o bloque facturador, e un camareiro sangraba por un dedo. Grazas que colleu unha cesta grande da lavalouza e cubriuse con ela, pero tiroulle botellas".

Segundo sinalan os afectados, o autor da desfeita xa protagonizara outro incidente similar uns días antes na terraza doutra cafetería do centro de Monforte, onde tamén tirou os asentos.

Tras o seu último episodio violento, o dono do restaurante indicou que presentará unha denuncia por danos e prexuízos, cunha contía económica que supera os 2.000 euros.

Julio Méndez, hostaleiro: "Estou recompilando as facturas e os presupostos, porque me rompeu o rodapé da barra ou a facturadora. Agora estou falando coa xente que me vendeu isto, ou que me vai vender e reparar, e vanme pasar o orzamento do que me custa todo isto".

Ao parecer, a mesma noite o autor dos feitos volveu provocar outro incidente máis na rúa Duquesa de Alba e acabou hospitalizado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade