Un home deixa agoniar cinco días a súa muller con esclerose ata morrer
Segundo o home, que foi detido, a muller caeu na casa e non lle prestou axuda nin lle deu a medicación por petición da vítima ata que finalmente faleceu

A Policía Nacional detivo un home de 68 anos, que xa está en prisión provisional, acusado de deixar morrer a súa muller de 67 anos con esclerose múltiple, á que non socorreu nin lle deu a súa medicación durante cinco días despois de que sufrira unha caída no seu domicilio, no distrito madrileño de Puente de Vallecas.
Foi o presunto homicida quen alertou os servizos de emerxencias o pasado domingo, día 4, cando a vítima faleceu. Os axentes atopárona nunhas condicións "lamentables" e o home manifestoulles que non lle prestou axuda por petición da muller.
Segundo informaron a EFE fontes da Delegación do Goberno en Madrid, a vítima e a súa filla interpuxeran contra el previamente senllas denuncias por malos tratos e ameazas.
No momento do achado do cadáver, a Policía Nacional procedeu á súa detención como presunto responsable dun delito de omisión do deber de socorro.
O home contoulles aos axentes que a súa muller, tras sufrir unha caída cinco días antes, rogáralle que non a socorrese. Ata a súa morte, nin lle forneceu a medicación pola enfermidade neurolóxica que padecía nin lle prestou uns coidados mínimos, indicaron fontes policiais.
Un xuíz de Madrid decretou xa prisión provisional para o arrestado, ao que agora se lle imputa un delito de homicidio.
A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero confirmou este mércores a natureza machista deste crime. Con el, o número de mulleres asasinadas ascende a 40 no que vai de ano e a 1.173 desde 2003, cando comezaron os rexistros.
O 016 atende todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 52 idiomas diferentes, do mesmo xeito que o correo 016-online@igualdad.gob.es. Tamén se presta atención mediante WhatsApp a través do número 600000016, e os menores poden dirixirse ao teléfono da Fundación ANAR 900 20 20 10.