Un gol postreiro de Resende dálle o derbi o Pontevedra (2-1)
Alain Ribeiro adiantou aos granates aos 19 minutos
Zalaya empatou na segunda parte para o Rácing
Resende decidiu a oito minutos da conclusión
O mellor que pode dicir do Pontevedra no arranque do derbi e que se xogou ao que eles prepararan, ao que querían. E que o Rácing, nese arranque, viuse incómodo, como sorprendido. O inicio marcárono as transicións granates e as pelotas quedas. Nada novo, por outra banda, no xogo local. Pero para cando o Rácing quixo bulir xa ía por baixo, co 0-1. Foi logo dun córner de Yelko que cabeceou Alain Ribeiro (minuto 19).
A partir de aí o cadro do Lérez reafirmou a súa aposta de pecharse, roubar e saír. E o Rácing cargou coa posesión. Cargou porque foi unha posesión pouco produtiva, que apenas nos deixou un lanzamento con perigo na primeira parte. O de Azael no minuto 38. E a cabezada de Álvaro Giménez, nunha das escasas transicións que puido facer o Rácing. Foi a última xogada da primeira parte.
O da segunda metade foi outra historia. Porque a diferenza da primeira, a posesión do Rácing traduciuse en ocasións. E en gol. O que conseguiu Zalaya (minuto 54). O Rácing foi mellor na continuación e as paradas de Marqueta axudaron o Pontevedra. Pero o que máis axudou os granates foi o seu poderío no balón parado. Porque, cando quedaban oito minutos para o final, outro córner de Yelko Pino, volveuno tocar Alain e acabou por mandalo á rede Resende (minuto 82).
Con este resultado, o Pontevedra e o Rácing igualan a 30 puntos na zona de playoff da clasificación.