Un edil de Cangas descúlpase tras afear a "peruanos de Vigo e marroquís de Bueu" o estado dun campo
O socialista Eugenio González di que as palabras "foron totalmente desafortunadas e non reflicten os valores que deben guiar a convivencia" no municipio
O concelleiro de Deportes de Cangas, Eugenio González Fernández (PSOE), desculpouse este mércores despois de que no pleno desta semana responsabilizara un grupo de "peruanos de Vigo e marroquís de Bueu" do mal estado dun terreo de xogo municipal.
Segundo o edil, ter as instalacións deportivas abertas ocasiona que esa xente acuda con botas de tacos de aluminio que danan o céspede, polo que defendeu regular o uso desas dependencias municipais.
A alcaldesa, Araceli Gestido (BNG), intentou amornar e suxeriulle que falase dun "lote de rapaces".
Este mércores, o Concello de Cangas publicou un comunicado do concelleiro en que este expresa as súas "máis sinceras desculpas" por unhas palabras que "foron totalmente desafortunadas e non reflicten os valores que deben guiar a convivencia" no municipio.
"Quero pedir perdón ás persoas que se puideron sentir ofendidas, así como ao conxunto de veciños e veciñas. Os comportamentos incívicos nas instalacións deportivas non teñen ningunha relación coa orixe nin coa condición das persoas, e lamento profundamente trasladar unha idea equivocada", sostivo.
Eugenio González asumiu o seu "erro" e comprometeuse "a actuar con maior responsabilidade e respecto no exercicio" das súas funcións.