Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un detido e un ferido por outra pelexa na zona de copas de Ribeira

Un detido e un ferido por outra pelexa na zona de copas de Ribeira

Un dos mozos, comentan que menor de idade, escachoulle un vaso de cristal na cabeza a outro

Os dous implicados son do concello pero, segundo a vítima, caeulle "sen comelo nin bebelo"

G24.gal 21/04/2025 14:25 Última actualización 21/04/2025 14:42

Calma total para arrancar a semana, en contraste coa movida das madrugadas dos sábados. Movida no dobre sentido. De festa e de lío seguro.

"Cada vez hai menos xente e abren menos os bares, polo menos no inverno, pero os catro que aparecen por aquí líana parda todas as fins de semana. Rara é a semana que non hai pelexa ou que non hai follón", explica un veciño.

A última pelexa, esta mesma fin de semana, acabou cun ferido e un detido, segundo se comenta, menor de idade. Os dous son do concello. Un deles escachoulle un vaso de cristal na cabeza ao outro. A vítima, que tivo que ser atendida por un corte na orella no centro de saúde, contou que lle caera a el sen comelo nin bebelo, pero as circunstancias non están claras. Os que estaban na rúa fixeron un corro, pero cando chegou a policía, fuxiron. Os veciños, afeitos a esta música de fondo, nin espertaron.

"Cada vez que escoitamos un escándalo por aquí xa nin saímos ás ventás porque é o de todas as fins de semana. Teño un neno pequeno pero pechas as ventás, pechas as persianas e tentas decatarte do mínimo posible", engade o home.

Sófreno os veciños, pero sófreno tamén os hostaleiros, que confirman a fuga de clientes cara a outras zonas. 

"Xa non saio por aquí porque hai moita xente rara que quere pelexas e busca lea e a min iso non me gusta. Prefiro estar apartada de aquí", recoñece unha moza nova.

"Cada fin de semana que hai xente ou que hai un festivo e se producen pelexas na zona de marcha fai que a xente veña menos ou que a xente que vén, vén condicionada, sabendo que pode haber problemas. Moita xente nova, ou os pais desa xente nova, xa non os deixan saír aquí", confirma Paula María Chouza, presidenta da Asociación de Hostaleiros de Ribeira.

Considéranse prexudicados e sinalados, pero non responsables.

"Nós non provocamos as pelexas. As pelexas son fóra dos locais de hostalaría. O problema está máis na rúa ca dentro dos locais. Nós somos prexudicados tamén", lamenta Chouza.

Ás portas do verán, cando a vila multiplica a poboación e as ganas de festa, ven difícil solución, pero piden polo menos máis presenza policial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade