Un condutor kamikaze causa un accidente mortal en Madrid
Bateu de fronte con outro vehículo no que viaxaban tres membros dunha mesma familia
Faleceu o condutor de 42 anos, e a muller e o fillo de 4 anos quedaron feridos graves
O kamikaze está acusado dos delitos de homicidio imprudente e contra a seguridade viaria
Un condutor kamikaze circulou de madrugada durante varios quilómetros en sentido contrario pola M-50. Á altura da localidade madrileña de Alcorcón chocaba frontalmente con outro vehículo no que viaxaban tres membros dunha mesma familia.
Os servizos de emerxencia intentaron reanimar, sen éxito, o condutor, un home de 42 anos que estaba en parada cardiorrespiratoria. Con el viaxaban a súa muller e o seu fillo, que quedaron feridos graves.
"No mesmo vehículo viaxaba unha muller de 39 anos que presenta lesións en hemitórax esquerdo e no abdome e que se traslada como potencialmente grave ao hospital 12 de Outubro. Tamén no mesmo vehículo ía un neno de 4 anos que foi trasladado potencialmente grave ao hospital 12 de Outubro", di Enrique Claudio, xefe supervisor do Summa 112.
O condutor kamizaze, de 35 anos, permanece ingresado nun centro hospitalario. Non se lle puido realizar in situ a proba de alcohol e drogas.
A Garda Civil solicitou ao xuíz encargado do caso que se lle realice no hospital unha analítica para determinar se conducía baixo os efectos dalgunha substancia.
"No vehículo contrario ía un varón de 35 anos que presenta lesións en hemitórax esquerdo con hipoventilación, lesión abdominal e posible fractura de pelve, trasládase ao hospital Puerta del Hierro", engade o xefe supervisor do Summa 112.
O condutor que provocou a colisión frontal está acusado dos delitos de homicidio imprudente e contra a seguridade viaria, tamén podería ser acusado dun delito de lesións.