Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un cento de titores supervisan no CHUO a formación dos novos residentes na súa especialidade

Un cento de titores supervisan no CHUO a formación dos novos residentes na súa especialidade

Este martes comezaron a súa formación na Área Sanitaria de Ourense 57 aspirantes a médicos

G24.gal 07/05/2024 14:37

O camiño para ser médico especialista é longo e pasa, tamén, por formarse como residentes nos hospitais. Os que farán esta formación na Área Sanitaria de Ourense teñen por diante entre dous e cinco anos de traballo e aprendizaxe, dependendo da disciplina que elixiran. Un cento de profesionais encargaranse neste tempo de asistilos e formalos. 

Nos corredores do CHUO hai hoxe algo máis de actividade do que é habitual. Chegan os novos residentes. Cincuenta e sete no caso de Ourense. Da docencia encárganse un cento de profesionais. Ana Domínguez chega dende Málaga para ser residente en Dermatoloxía, unha das especialidades máis demandadas.

"Dermatoloxía era a especialidade que me gustaba pero era consciente de que era difícil acceder. Pero finalmente tiven sorte e con moitas ganas de empezar".

Cubríronse nove das vinte unha prazas que había para medicina familiar e comunitaria. Iván Feijoo conta que xa durante a rotación da carreira se decantou por esta especialidade. 

"Eu penso que é unha parte moi importante da medicina, é a primeira toma de contacto cos pacientes antes de derivalos e é unha maneira de controlar a xentiña do rural sobre todo. Estou encantado con familia e co trato do paciente que moitas veces no hospital non tes".

Pablo Castro chega ao CHUO dende Gran Canaria para especializarse en anestesia e reanimación. E resume así o sentir de moitos no seu primeiro día. 

"Evidentemente intentando asimilar algo de todo o que nos contaron, pero ben, sobre todo contento e con ganas de empezar, creo que é o que máis resume como me sinto agora mesmo".

É tempo de aprendizaxe, teñen anos de formación por diante e un obxectivo, axudar e coidar do mellor xeito posible os seus pacientes. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos