Un Celta con 10 imponse ao Sevilla (3-2) e achégase a Europa
O penalti e expulsión de Marcos Alonso déronlle vida ao Sevilla, que empatou antes do descanso
O Celta medrou con 10 na segunda metade, e levou os tres puntos de xeito brillante
O conxunto vigués consolídase nos postos europeos
O Celta segue moi forte en Balaídos, tanto que nin a inferioridade numérica durante medio partido pode con el. Os vigueses refixéronse contra o Sevilla, logo de ir ao descanso en inferioridade e con empate a un, e acabaron levando un triunfo que os recarga na loita por Europa.
O Celta saía mellor co Sevilla, e a primeira ocasión clara foi dos vigueses, cunha cabezada de Pablo Durán á saída dun córner que non atopou portería. Máis tardou o Sevilla en inquedar, foi logo dunha perda na saída de Damián, que aproveitou Lukebakio para sacar unha acción que desbaratou Guaita. No córner seguinte foi Ramón Martínez o que tivo o gol, volvendo topar co porteiro.
Despois chegou o momento de Iaix. O centrocampista probou fortuna desde a frontal, cunha boa parada de Nyland, pero despois non perdoou. No minuto 18 aproveitaba unha asistencia de Williot para moverse ben na área e marcar por raso o primeiro tanto e desatascar o partido.
O Celta mantivo o guión durante varos minutos máis, tendo algunha ocasión máis pero, co paso dos minutos, o Sevilla comezou a estirarse con máis perigo, especialmente nas botas de Lukebakio. Pero os mellores momentos do Sevilla non lle abondaron para empatar o encontro, e a lesión de Badé, que tivo que deixar o encontro e parou o encontro durante varios minutos, arrefriaba un chisco aos sevillistas. Con todo, xa no minuto 49, Marcos Alonso cortaba un envío na área, o balón dáballe no brazo, e González Furertes asubiaba penalti. Chamado polo VAR, revisou a xogada e expulsou ao central celeste. O penalti marcouno Gudelj, que mandaba o encontro empatado ao descanso e co Celta en inferioridade.
Moveu o banco Claudio no vestiario e, coa entrada de Javi Rodríguez e Beltrán, non deixou notar esa inferioridade no inicio da segunda metade, especialmente coas internadas do de Poio pola dereita. O Sevilla non renunciaba á busca do segundo, pero con todas as precaucións do mundo.
E, nese contexto, o Celta ía tirar partido dun roubo no centro do campo. Fran Beltrán gañou a liña de fondo, e Mingueza chegaba no segundo pau para marcar case sen ángulo o 2-1 que deixaba outra vez por diante ao Celta.
Co Celta en inferioridade, pero con vantaxe, o Sevilla non lle quedou outra que botarse arriba, e creou perigo a balón parado, cunha falta perigosa de Suso que sacou Guaita. O porteiro erixiuse no heroe local con dúas paradas consecutivas de moito mérito a Kike Salas e a Ramón Martínez e, xa no 91, Borja Iglesias sentenciaba o choque cunha vaselina no man a man.
Aínda tivo tempo Kike Salas de facer no 97 un gol insuficiente para o Sevilla, que seguirá sufrindo. O Celta segue soñando coa clasificación europea a so tres xornadas do remate da competición.