Un cargueiro encalla no xardín dunha casa en Noruega mentres o seu dono durmía
Non momento do accidente había unha soa persoa ao cargo da navegación, que declarou que quedara durmido

Un cargueiro, de 135 metros de eslora, encallou por accidente no xardín dunha casa na localidade de Byneset, na costa oeste de Noruega, informaron medios deste país nórdico.
O accidente rexistrouse na madrugada do xoves mentres Johan Helberg, o dono da vivenda, durmía.
"Foi completamente absurdo. Cando mirei pola xanela, había unha enorme proa alí", dixo Helberg á televisión pública NRK.

Helberg non escoitou o ruído do barco ao encallar e foi o seu veciño quen o espertou despois de chamar á porta varias veces.
"Se encallase cinco metros á esquerda, escorregaría cara a arriba polas rocas e a miña casa quedaría de forma moi distinta", dixo Helberg.
A Policía norueguesa informou de que só había unha persoa na ponte de mando a cargo da navegación. Aínda que polo momento non hai causa oficial do accidente, descartouse que fose un fallo técnico ou que o individuo se atopase baixo os efectos do alcol.
Segundo NRK, o tripulante declarou durante o interrogatorio que quedou durmido.
O barco dirixíase desde o norte de Noruega á localidade de Orkanger, situada dentro do fiorde de Trondheim.