Un bombeiro forestal segue moi grave e outros dous graves polo incendio de Oímbra
A Garda Civil detivo o suposto autor do incendio forestal que afectou estes tres brigadistas, que xa ingresou en prisión provisional

Os tres bombeiros forestais que sufriron queimaduras nos labores de extinción dun incendio en Oímbra continúan ingresados no hospital da Coruña, un deles con prognóstico moi grave e os outros dous están graves.
Segundo o parte ofrecido este luns polo Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC), o brigadista de 18 anos ten queimaduras de terceiro grao e un 40 % do seu corpo, ademais de intoxicarse por inhalación de fume.
Atópase estable, pero o seu prognóstico é moi grave, polo que continúa sen cambios, respecto ao parte do pasado venres.
O bombeiro forestal de 23 anos que sofre queimaduras de segundo grao, cunha afectación do 15% do corpo e intoxicación por inhalación de fume, evoluciona favorablemente, aínda que con prognóstico grave.
Outro dos brigadistas feridos, de 25 anos, tamén ten queimaduras de segundo grao, cun 15 % do seu corpo afectado. A pesar de intoxicarse por inhalación de fume, está estable e con prognóstico grave. Os tres permanecen ingresados na unidade de queimados do CHUAC, sen cambios desde o último parte.
A Garda Civil detivo o suposto autor do incendio forestal que afectou estes tres brigadistas, que xa ingresou en prisión provisional. Está investigado por un delito de incendio por imprudencia grave, lesións graves e danos.